Galicia celebrará o seu primeiro Congreso da Paisaxe e da Infraestrutura Verde no 2022

A cita, promovida pola Xunta, enmarcarase nas actividades do Xacobeo 21-22

 

A paisaxe constitúe un dos grandes atractivos e patrimonios de Galicia. A súa protección e preservación é unha tarefa na que a Xunta quere implicar tanto ao sector público como ao privado, así como aos colectivos profesionais especializados e ao público en xeral. Unha das vías para logralo será a celebración do primeiro Congreso da Paisaxe e da Infraestrutura Verde de Galicia, que se desenvolverá o próximo ano no marco das actividades do Xacobeo 21-22, e que servirá para “poñer en valor todas as medidas impulsadas en materia paisaxística nos últimos anos e intercambiar experiencias públicas e privadas que poidan resultar de interese”. Así o explican desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que dirixe Ángeles Vázquez.

 

O obxectivo deste encontro é contribuír a consolidar durante o 2022 os avances realizados durante o presente exercicio con medidas como a aprobación das Directrices da Paisaxe, a realización de máis dun milleiro de informes sobre o ámbito da protección da paisaxe e a finalización das guías de miradoiros e instalacións de abastecemento. Unha das actuacións previstas para o ano que está a piques de comezar é a aprobación da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas. Trátase dunha ferramenta que incluirá actuacións nas áreas urbanas e metropolitanas, e nas sete reservas da  biosfera con que conta Galicia.

 

Durante o próximo ano a Xunta acometerá tamén a elaboración dun plan de acción específico para a zona dos Ancares-O Courel, a execución dun paquete de medidas de intervención e xestión dos recursos paisaxísticos de O Xurés, e o desenvolvemento do Plan de acción e o pacto pola paisaxe da Ribeira Sacra.