A Consellería de Cultura e Turismo e Exceltur, Alianza para a Excelencia Turística, presentaron hoxe en Santiago de Compostela o Estudo Impactur para Galicia, que analiza polo miúdo o impacto económico do turismo na economía e no emprego da Comunidade. O vicepresidente executivo de Exceltur, José Luis Zoreda, presentou os datos e conclusións desta investigación, que amosa un sobresaínte desempeño da actividade turística e confirman o importante papel do turismo en Galicia.
José Luis Zoreda compartiu como os resultados desta quinta edición amosan que o PIB turístico de Galicia “rexistrou un incremento interanual do 9,6% no ano 2017, 8,4% en termos constantes (unha vez descontado o efecto dos prezos), ata os 6.341 millóns de euros, xerando en só un ano 553 millóns de euros adicionais, o que supón un crecemento superior ao 5,6% real rexistrado polo conxunto do sector turístico español no mesmo período”.
Estes niveis de actividade supoñen o 10,4% do total do PIB da economía galega e o 11% do emprego. Igualmente, remarcou que todos os compoñentes da demanda “contribuíron a este positivo balance e se situaron en niveis por riba de 2016”. E matizou: “Por riba de todos destacou o comportamento da demanda estranxeira, que reforza a aposta por esta captación polos actores públicos e privados”. Así mesmo, fixo fincapé no “papel determinante que xogaron os empresarios turísticos, ao crear 7.165 novos postos de traballo ata os 109.050”. “Isto –subliñou– grazas a un aumento interanual do emprego do 7% respecto a 2016.
Segundo os responsables do estudo, a relevancia do turismo na nosa estrutura produtiva vén explicada tanto polo seu impacto sobre as ramas de actividade directamente en contacto co turismo como polo seu efecto arrastre sobre outros sectores da economía. Así, aos efectos directos (hoteis, restaurantes, axencias de viaxe, empresas de alugueiro de coches e transporte de pasaxeiros, servizos de ocio etc.) hai que engadir os efectos indirectos en eidos como agricultura e pesca, subministro de alimentos, construción, empresas téxtiles, de electricidade, auga ou servizos de asesoría. En concreto, ese efecto arrastre cuantifícase en 2.094 millóns de euros (o 3,5% da economía galega) e 31.430 empregos (o 3,2% do total).
Entre as causas destes resultados, Exceltur apunta á evolución da demanda estranxeira e do consumo turístico dos españois, tanto galegos como do resto de autonomías, ademais do crecemento da inversión das empresas turísticas da Comunidade e dos niveis de gasto público comprometidos para a consolidación e mellora desta actividade.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, declarou que este tipo de análises resultan fundamentais para a gobernanza desta actividade “baixo parámetros de calidade e sustentabilidade que fan de Galicia un lugar mellor para visitar e tamén para vivir”.
Puxo en valor, así mesmo, que o informe avala a aposta que a Xunta e o sector turístico veñen facendo no marco da Estratexia do Turismo de Galicia 2020. Neste sentido, lembrou que o Goberno autonómico considérao un sector clave da economía, de aí o seu decidido apoio, intensificado agora coa creación dunha consellería específica que conta cun orzamento de 141 millóns de euros para 2018, un 6,2%, máis que no exercicio anterior.
Pola súa banda, José María González, presidente de Exceltur, destacou que os resultados de Impactur “evidencian como a industria turística foi o principal dinamizador de xeración de prosperidade e emprego en Galicia en 2017”. Tras resaltar a relevante aposta inversora do sector privado nos dous últimos exercicios, mencionou os novos retos competitivos aos que se enfronta o sector, entre os que subliñou “o crecente entorno de competitividade e a necesidade de seguir mellorando na captación de turistas e a súa fidelización, dando continuidade á política de diferenciación do destino coa xeración de produto de alto valor engadido asociado á marca Galicia, a obrigada coordinación con visión de Estado das externalidades causadas polas vivendas de uso turístico e a evolución futura do modelo turístico da Comunidade, inspirada na xestión do crecemento máis sustentable que, sen superar as capacidades de carga nos destinos, se apoie nas oportunidades de transformación dixital do sector e en acadar a maior empatía cidadá polo sector”.
Ante este escenario, animou á Xunta de Galicia a seguir priorizando a acción transversal de Goberno a favor do sector turístico “para afrontar con rigor o novo horizonte, que exixirá intensificar a colaboración entre os actores públicos e privados baixo unha visión estratéxica de longo prazo, que procure un novo escenario competitivo máis diversificado e diferenciado, que achegue o maior valor engadido e asegure os máximos beneficios sociais e económicos distribuídos a nivel local entre o conxunto da sociedade galega”.
Impactur indica tamén que o turismo impulsou a creación de emprego en Galicia, cun aumento do 7%, un dato por riba da media autonómica. En particular, o estudo apunta que o turismo xerou en Galicia 109.050 postos de traballo, o 11% do total da Comunidade.
Como consecuencia dun maior gasto turístico e dun maior volume de demanda, o emprego medrou un 4,6% no sector do aloxamento, un 2,9% na restauración, un 9,1% no transporte e actividade anexas e un 3,4% na actividades culturais e recreativas. Ademais, impulsou un 10,8% o comercio minorista asociado a viaxes e excursións e un 2,9% a construción polo aumento da inversión pública e privada na renovación das infraestruturas turísticas.
O 71,2% do emprego turístico de Galicia é creado directamente en ramas relacionadas co turismo e, a maiores, o seu efecto arrastre sobre o resto de sectores permite xerar o 28,8% restante. Trátase en concreto de 12.641 postos no comercio minorista, 13.228 na construción, 2.884 na agricultura e pesca e 7.501 nas distintas ramas de servizos a empresas.
En canto á suma do consumo turístico, a formación bruta de capital humano e o gasto turístico das administracións públicas, Impactur subliña un incremento internanual do 9,6% ata os 6.955 millóns de euros. Neste sentido, salienta a consolidación do turismo interno e a un turismo nacional moi fidelizado, en especial o procedente de comunidades limítrofes e doutras como a Comunidade de Madrid, Andalucía ou Cataluña, principalmente.
Particularmente destacable resulta que o gasto dos turistas estranxeiros subira un 37,3% ata os 1.189 millóns de euros, o que permitiu unha ganancia de 323 millóns de euros nun só ano. En opinión dos responsable do estudo, este dato reflicte o esforzo pola diversificación e atracción dos mercados estranxeiros. Tamén se incrementou o gasto dos turistas españois, así como o impacto dos propios galegos viaxando pola Comunidade, cunha alza do 6,6%.
O investimento empresarial veuse igualmente reforzado, cunha mellora interanual do 2,5% ata os 1.105 millóns de euros. Isto, en opinión de Exceltur, foi posible grazas a unha maior confianza entre as empresas turísticas galegas, atribuída no estudo ao favorable devir das cifras agregadas do sector e á recuperación das marxes empresariais de beneficio.
En idéntica porcentaxe aumentou o gasto corrente das administracións públicas no eido turístico ata os 520 millóns de euros. Ao respecto, Exceltur afirma que esta mellora se deriva principalmente do esforzo realizado no incremento orzamentario da Xunta de Galicia nos programas de gasto público vencellados á ordenación e promoción do turismo, protección civil, sanidade e formación dos profesionais para ofrecer un mellor servizo aos visitantes.
Finalmente, o estudo revela que os impostos recadados e vinculados ao turismo ascenderon a 1.363 millóns de euros, o que supón o 10,4% do total e por riba do ano anterior.
Este estudo calcula o impacto socioeconómico para o conxunto da Comunidade e permite a súa comparación coa Conta Satélite do Turismo Español elaborada polo INE e coa de outros territorios que seguen a mesma metodoloxía. Os indicadores derivados de Impactur resultan imprescindibles para medir os principais efectos directos e indirectos do sector turístico sobre a economía galega en clave de xeración de PIB, emprego, inversión de capital, impostos, así como os efectos multiplicadores sobre os demais sectores.