Co obxectivo de reducir en boa medida o impacto negativo que tivo no último brote no territorio da Mariña lucense, diferentes administracións públicas están a pór en marcha iniciativas para a reactivación do sector turístico que lles permita xerar liquidez no seu tecido empresarial. “Volve atopar o Norte” é a lema dunha destas iniciativas, a da Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense que lanza unha campaña coa colaboración da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia coa que se pretende reivindicar A Mariña lucense como un destino situado no norte da provincia de Lugo, a beiras do Mar Cantábrico, no que o visitante pode atoparse a si mesmo e descubrir o seu Norte particular, despois duns meses nos que a sociedade tivo que soportar situacións de enorme tensión e incerteza por mor da crise da covid-19.
Ademais, a Xunta tamén traballa na creación de novos produtos turísticos no territorio que contribúan a reforzar a súa imaxe de destino seguro, a través da colaboración co xeodestino ou con entidades como a organización do Resurrection Fest, con quen se está deseñando novas iniciativas a curto prazo que axuden a reactivar o sector e dinamizar o consumo. Desde a Consellería de Cultura e Turismo mantivéronse, ademais, encontros co presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, José Francisco Real, e empresarios do sector para escoitar as súas demandas e trasladar o firme compromiso da Xunta co territorio, que tamén se beneficiará da iniciativa “Galicia, destino seguro”.
Plan de Sustentabilidade turística
Desde a Consellería de Cultura e Turismo trasladouse tamén ao sector a proposta que se quere remitir ao Goberno central de que A Mariña lucense se convirta no primeiro territorio galego no que se poña en marcha un Plan de Sustentabilidade Turística, unha iniciativa que o Estado quere implantar en colaboración coas administracións locais e autonómicas en destinos pioneiros xa consolidados e en territorios rurais e do interior. Ademais, trasladóuselle tamén a Madrid a necesidade de que desde o Estado se poñan en marcha medidas específicas de apoio a destinos afectados por rebrotes da covid-19 como A Mariña.