En xaneiro o turismo galego creceu seis puntos por encima da media nacional

Os primeiros datos de 2020 do Instituto Nacional de Estatística indican que os hoteis galegos conseguen os niveis de rendibilidade máis altos da década

O turismo en Galicia creceu en xaneiro por encima da media española marcando un 9% de subida respecto ao mesmo período do ano pasado, o que supón seis puntos máis que o conxunto do territorio, en que o turismo tamén marcou unha cifra positiva de tres puntos.

Segundo o INE, os hoteis e pensións de Galicia recibiron en xaneiro 179.479 viaxeiros -un 8,2% máis que hai un ano- que fixeron 338.030 noites, o que supón un crecemento do 9%, dando así continuidade á evolución de 2019. Durante este período creceu o turismo interno, (3%), o turismo nacional (15,7%) e o internacional (7,2%) en relación a xaneiro de 2019. Con máis de 61.000 noites, o turismo internacional consegue neste primeiro mes do ano un máximo histórico de demanda hoteleira en Galicia.

Incremento na estadía media
En xaneiro tamén se incrementou a ocupación, en case dous puntos porcentuais. O INE revela, ademais, que as tarifas hostaleiras encadean cinco anos consecutivos de crecemento, en concreto dun 8,8%.

Este incremento das tarifas, engadido á mellora dos niveis de demanda e ocupación, trae consigo que os hoteis galegos melloren tamén en resultados económicos. Neste sentido, a rendibilidade creceu un 5,6%, colocando a cifra na máis elevada da década.