En agosto melloraron prezos e rendibilidade do sector hostaleiro galego

Continúa o proceso de estabilización do crecemento alcanzado en anos anteriores e conséguese a estancia media máis alta en oitos anos

Os viaxeiros que elixiron Galicia en agosto quedaron máis días, en concreto un 3% máis, valorando así os variados recursos e os servizos ofrecidos na súa viaxe. En total foron máis de 634.000 os turistas que se aloxaron o pasado mes de agosto nos establecementos hostaleiros de Galicia, onde realizaron preto de 1,5 millóns de noites. A mellora da estandía media foi clave tamén para observar unha evolución positiva nos prezos e a rendibilidade do sector no oitavo mes do ano.
En concreto, o sector hostaleiro galego viu melloradas un 3,7% as súas tarifas, segundo os datos do INE, o que unido ao ingreso medio por habitación dispoñible, que tamén subiu un 1,3% ata a cifra máis alta da década, permitíronlle ao sector avanzar na rendibilidade e nun turismo de maior calidade. Así, no período comprendido entre xaneiro e agosto, os ingresos do sector estímanse en ao redor de 200 millóns de euros, coa súa correspondente repercusión no desenvolvemento socioeconómico de diferentes xeodestinos da Comunidade e na xeración de emprego.
Galicia avanza así no crecemento do último lustro despois de que en 2017 superáronse os máximos históricos de viaxeiros e de pernoitas. Neste caso, 2018 mostra un comportamento máis moderado que os récords do ano pasado, pero superior á serie histórica anterior. Coas cifras de agosto, os hoteis galegos suman xa máis de 2,8 millóns de turistas aloxados e 5,8 millóns de noites, con notables avances novamente tanto nos prezos como na estancia.
Un 8% máis de peregrinos
No campo particular do Camiño de Santiago, xa se superaron os 270.000 peregrinos, o que supón un 8,5% máis que en 2017. Trátase de persoas de 169 nacionalidades distintas e que chegan de forma diversificada a través dos diferentes itinerarios xacobeos oficiais.