O turismo sostible, eixo dunha nova cátedra da Universidade da Coruña

A institución, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Deputación da Coruña impulsan a súa posta en marcha, prevista para o 2023.

 

O turismo dos municipios da contorna da Coruña dispoñerá proximamente dunha nova ferramenta para examinar o seu funcionamento, detectar as súas debilidades e fortalezas e trazar plans e estratexias para aproveitar as súas oportunidades de desenvolvemento. Eses son algúns dos obxectivos da Cátedra de Turismo Sostible, que a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, a Universidade da Coruña (UDC) e a Deputación provincial decidiron poñer en marcha.

 

O obxectivo das tres institucións é que esta nova Cátedra estea en funcionamento o próximo ano e que vaia incorporando outras entidades para contribuír así á súa función como “motor para a planificación e a atracción de novos investimentos no territorio”. Así o expresou o presidente da reserva da biosfera, José Santiso Miramontes, no acto celebrado en días pasados para dar a coñecer a iniciativa. Xunto a el estiveron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o secretario da UDC, Carlos Aymerich; a decana da Facultade de Turismo coruñesa, Rosa María Mariz, e o profesor dese centro, Carlos Rodríguez, entre outros.

 

A súa intención é que a Cátedra funcione como un “observatorio de turismo en tempo real” que permita impulsar “a idea turística da reserva en base a un traballo de investigación e de transferencia de coñecementos”.

 

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo está integrada polos municipios de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado, o que supón algo máis do 14 % do territorio da provincia da Coruña.