O turismo MICE prevé recuperar o 50 % da actividade prepandemia a finais deste ano

O estudo sobre o sector presentado polo Spain Convention Bureau destaca que as persoas que participan nestes eventos gastan un 330 % máis que o turista convencional medio.

 

O turismo de reunións, incentivos, conferencias e exposicións, o denominado turismo  MICE, prepárase para deixar atrás a crise provocada pola pandemia apelando ao seu gran potencial e á súa capacidade para xerar riqueza e progreso. Así se pon de manifesto no Estudo sobre Turismo de Reunións e a Estratexia de Reactivación presentado en datas recentes na sede da Federación Española de Municipios e Provincias polo Spain Convention Bureau (SCB), a entidade que aglutina a máis de medio centenar de destinos de turismo  MICE de toda España e na que Galicia ten catro representantes: o Consorcio de Turismo e Congresos A Coruña, Pontevedra Convention Bureau, Santiago de Compostela Convention Bureau e a Fundación Vigo Convention Bureau.

 

O informe reflicte que o sector sufriu de forma especialmente acusada os efectos da pandemia e que a recuperación será máis lenta que a do turismo en xeral. Prevé que a demanda nacional de turismo de congresos “tome impulso no último trimestre de 2022, que a internacional evolucionará de maneira máis paulatina, e prevese que estea recuperada nun 50 % a finais de 2022”, aínda que haberá que esperar ao 2024 para alcanzar os datos prepandemia.

 

Pero tamén destaca a gran importancia dun sector que xera no conxunto de España ao redor dos 87.000 empregos directos, o que supón o 8,32 % do total de postos de traballos relacionados co turismo, e que durante o último ano previo á pandemia, o 2019, xerou un impacto de 12.000 millóns de euros. O informe cifra en 10 millóns as persoas que viaxaron durante ese exercicio para participar en reunións, congresos, feiras e eventos similares, e detalla que o gasto que realizaron foi un 330 % máis que a media do turista convencional, o que confire aínda máis valor a esta actividade como fonte de progreso e desenvolvemento económico.

 

O estudo establece tamén algunhas das liñas de traballo que debe seguir o sector en Galicia e España para que o país se estableza como líder mundial: colaboración público-privada, aposta pola sustentabilidade, fomento da integración entre o visitante e a poboación local, e aproveitamento das oportunidades que ofrece un negocio multisectorial e o incremento da demanda global.