O turismo de cruceiros en Galicia afronta o 2022 con boas perspectivas

O porto da Coruña podería bater o seu récord de escalas e visitantes e os de Vigo e Ferrol aspiran a alcanzar as cifras prepandemia

 

Despois dun ano e medio sen apenas actividade, o turismo de cruceiros en Galicia confía en afianzar durante este 2022 a recuperación iniciada nos últimos meses do ano recentemente terminado e alcanzar mesmo cifras récord de atracadas e visitantes. É o caso do porto da Coruña, que afronta o novo ano coa previsión de recibir un total de 170 cruceiros, o que lle permitirá superar amplamente as 120 atracadas rexistradas no 2017, o ano de máis actividade ata a data na cidade herculina. Esas perspectivas tan positivas en canto ao número de cruceiros fan prever que se poida tamén superar a cifra de 185.000 cruceiristas recibidos no 2017, aínda que isto dependerá da evolución da pandemia e dos cambios nas restricións de capacidade ás que están suxeitas as embarcacións por mor da covid.

 

Tamén en Vigo o 2022 debe ser o ano da recuperación do turismo de cruceiros. Con case un centenar de escalas (unha vintena delas inaugurais) xa confirmadas para os próximos doce meses, as perspectivas de visitantes roldan os 150.000 cruceiristas, aínda que a expensas tamén do que ocorra coas limitacións de ocupación dos barcos e coa evolución da pandemia e as posibles restricións para viaxar nos países de orixe dos viaxeiros. Con esas cifras o porto vigués estaría xa en disposición de alcanzar a media dos últimos anos, que se sitúa ao redor dos 160.000 pasaxeiros.

 

En Ferrol, as previsións que manexa a Autoridade Portuaria son tamén positivas. Neste caso, as 17 escalas confirmadas e os máis de 25.000 cruceiristas que poderían desembarcar na cidade segundo as estimacións máis optimista, supoñerían alcanzar as cifras previas á pandemia. Nove compañías incluíron Ferrol nas súas rutas e serán 12 os buques de pasaxe que visitarán a cidade, repetindo escala en varios casos, como o MSC Poesía que o fará en tres ocasiones.

 

Tamén desde o porto de Vilagarcía de Arousa confían en mellorar o seu posicionamento no mercado de cruceiros durante o 2022, mentres que no de Marín teñen previsto executar durante o primeiro trimestre deste ano un espazo de atracada que lle permita incorporarse a este segmento de negocio.