O sector turístico galego agarda un verán similar ao pasado cunha ocupación de entre o 70% e o 90%

O sector turístico galego agarda un verán similar ao pasado cunha ocupación de entre o 70% e o 90%

  • Unha sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia apunta a que nalgunhas zonas poderían superarase as cifras do ano pasado.
  • O Camiño de Santiago está a rexistrar niveis de ocupación próximos ao 100% nalgunhas rutas e un maior número de peregrinos internacionais.
  • O sector confía en que as reservas de última hora incrementen as previsións para as vindeiras semanas.

 

O verán arranca con boas perspectivas para o sector turístico galego que prevé un nivel de ocupación de entre o 70% e o 90%, unhas cifras similares ás do verán de 2022 que poderían superarse nalgunhas zonas. Son as estimacións obtidas na sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia na que as fontes consultadas coinciden en que durante os meses de marzo e maio rexistrouse nivel de reservas superior ao de anos anteriores, que descendeu lixeiramente no mes de xuño. O sector confía en que as reservas de última hora incrementen as previsións para as vindeiras semanas.

 

En liñas xerais o Camiño de Santiago está a rexistrar niveis de ocupación do 100% nalgunhas rutas e un maior número de peregrinos internacionais. O turismo rural afronta o verán con optimismo cun bo grao de ocupación en zonas como a Ribeira Sacra ou o Barbanza, especialmente nas fins de semana.

 

A Coruña

Os hoteis da cidade da Coruña sitúan as porcentaxes de ocupación no 85% para xullo e no 90% en agosto cun perfil de visitante maioritariamente nacional e con Portugal como principal emisor de viaxeiros internacionais.

 

Na Costa da Morte espéranse cifras de ocupación superiores ao 80% nos meses de xullo e agosto, se ben tamén se prevén datos positivos para o mes de setembro. A influencia do Camiño de Santiago e o interese polo Camiño dos Faros favorecerá que se alcance un alto grao de ocupación no territorio.

 

Respecto á procedencia dos viaxeiros, o turista maioritario na Costa da Morte segue a ser o nacional, se ben a Ruta Xacobea está a traer a un considerado volume de peregrinos internacionais, especialmente a partir de setembro.

 

En Santiago de Compostela os datos apuntan a que a ocupación se situará próxima ao 76% en xullo e que roldará o 74% en agosto. A celebración de grandes eventos, como o Gozo Fest ou a semana do Apóstolo aproximaran esa porcentaxe ao 100%. Na capital galega os hoteleiros consultados fan unha valoración da tempada estival similar á de 2022 tanto en ocupación como en prezo medio.

 

As fontes consultadas en Ferrol auguran un bo verán, especialmente a partir da segunda quincena de xullo, e esperan que se produzan poucas cancelacións. Ademais, destacan a chegada de cada vez máis peregrinos, moitos de orixe internacional, que percorren o Camiño Inglés.

 

Pontevedra

Na provincia de Pontevedra as previsións apuntan a que este verán acadaranse cifras de ocupación similares ás do pasado verán, se ben nalgúns casos poderán superarse lixeiramente os resultados obtidos en 2022. Tras un mes de xuño cunha porcentaxe de ocupación próxima ao 80%, os establecementos da provincia xa rexistran ocupacións superiores ao 70%, unha  cifra que se espera que acade o 85% coas reservas de última hora.

 

De cara a agosto, o nivel de ocupación previsto é do 75%, aínda que que se agarda que aumente de forma que moitos establecementos poderán colgar o cartel de completo.  Pola súa banda, en Sanxenxo estímase un bo verán, con ocupacións por enriba do 70% para os próximos meses.

 

Lugo

Na provincia de Lugo espéranse bos datos de ocupación durante a segunda quincena de xullo e no mes de agosto.

 

Na Ribeira Sacra o grao de ocupación actual é xa dous puntos superior ao rexistrado en xullo de 2022. Así, a previsión de ocupación media sitúase no 70%, e é algo máis elevada nos hoteis de 4 estrelas ou superior, cun 76%, e os establecementos de turismo rural cun 80%.

 

Ourense

A chegada da alta velocidade a Ourense está a impulsar o turismo na zona, de forma que se espera un bo verán, con datos especialmente positivos durante o mes de agosto. Ademais, prevese que as reservas de última hora melloren o grao de ocupación no territorio.