O pasado xoves, 31 de outubro, tivo lugar unha reunión informativa entre a Xunta de Galicia e o sector turístico para abordar a habilitación normativa que creará a taxa turística pedida por Santiago. No encontro participaron o presidente e vicepresidente do Clúster, Cesáreo Pardal e Jesús Picallo, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e representantes de aloxamento, axencias de viaxe e asociacións turísticas de toda Galicia.
Durante a xornada informouse do documento levado á Lei de Medidas dos Orzamentos para 2025 que recolle a habilitación normativa para crear a taxa turística. O sector turístico trasladou a súa oposición á medida, sinalando que a regulación afectará os turistas que máis contribúen á economía local mediante pernoitas e consumo.
Pola súa banda, Merelles explicou o estado actual do proxecto, e lembrou que a implementación da taxa será voluntaria e quedará baixo a xestión dos concellos interesados en aplicala.
Entre as principais características que inclúe o documento, destaca que os ingresos obtidos por este imposto estarán afectados cando menos nun 80% a investimentos e gastos vinculados á promoción, impulso, protección, fomento e desenvolvemento do turismo sostible. Outro dos puntos trasladados foi que a aplicación da taxa en Santiago será vixiada por unha comisión conformada por membros do Concello, empresas do sector e asociacións veciñais.
O director de Turismo de Galicia sinalou que os municipios interesados en aplicar a devandita taxa, deberán xustificar a súa necesidade a través dunha ordenanza fiscal, avaliando previamente o seu impacto e eficacia.