O Salón Turístico de Galicia celébrase do 8 ao 11 de xuño en Silleda

  • O Clúster de Galicia participará no evento cun espazo propio.
  • O salón enmárcase dentro da feira Abanca Semana Verde de Galicia.

 

A duodécima edición de Turexpo Galicia celebrarase do 8 ao 11 de xuño no recinto feiral de Silleda no marco da 45º Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, unha proposta multisectorial vinculada á cadea de valor do sector primario. O Salón Turístico de Galicia habilita un espazo onde as empresas poderán crear colaboracións, establecer contactos, promocionar a súa marca, reforzar o seu posicionamento e xerar negocio.

 

No evento daranse cita todos os axentes destacados do sector, e todos os tipos de turismo, o que converte a Turexpo no escenario perfecto para dar a coñecer os destinos, produtos e servizos turísticos.

 

Un ano máis o Clúster de Turismo participará no evento cun espazo propio orientado a ofrecer información e promocionar o club de produto Galicia Destino Sostible ademais doutras iniciativas do Clúster, como Galicia Destino Familiar.

 

O evento volverá a contar coa Bolsa de Contratación de Turexpo, unha iniciativa referente no sector que conta este ano coa participación de ata 41 entidades. Esta mesa de contratación fomenta o networking entre potenciais clientes e colaboradores, ademais de ofrecer o formato perfecto para comercializar directamente as ofertas e xerar negocio.

 

Algunhas das novidades da área expositiva da feira para esta edición son a incorporación das Festas de Interese Turístico galegas por primeira vez, entidades portuguesas como Ponte de Lima, Castelo Branco ou Támega-Sousa, a presenza da Axencia para o Desenvolvemento Turístico de Ucrania (SATD), a ruta Huellas de Teresa, as Illas Canarias, e mesmo unha axencia de Nepal. Tamén se realizarán numerosas actividades gastronómicas, o “I Foro de Activistas: por un futuro rural”, e talleres organizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

 

Xa se confirmou a participación de máis de 30 operadores turísticos con presenza en Alemaña, Arxentina, Australia, Brasil, Canadá, España, Estados Unidos, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido e Uruguai. Ademais, nesta edición tamén haberá espazo para a celebración de exhibicións, degustacións e para o Encontro de Bloggers de Turismo, que celebra a súa sexta edición.