O Ribeiro aposta por promocionar o territorio coa campaña “O Camiño do Viño. Ruta do Viño do Ribeiro”

O Ribeiro aposta por promocionar o territorio coa campaña “O Camiño do Viño. Ruta do Viño do Ribeiro”

Catro institucións, Deputación de Ourense, Consello Regulador, Ruta do Viño e geodestino do Ribeiro puxeron en marcha unha campaña co obxectivo principal de promocionar o territorio e os seus recursos; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e potenciala como destino enoturístico. Para iso porase en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros como o termalismo, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da súa historia como fíos condutores a través da campaña “O Camiño do Viño. Ruta do Viño do Ribeiro”, que ao longo de 2019 desenvolverán distintas accións co obxectivo de promocionar o territorio ribeirán como destino enoturístico

Segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, outros retos son “espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron un dos motores económicos da nosa terra, e pór en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debese ser reivindicado.”. Ao mesmo tempo apunta que “queremos que cando unha persoa beba un Ribeiro saiba que non só está a consumir un produto de alta calidade, senón que está a degustar séculos de historia e tradicións; o froito dunha paisaxe modelada a través dos séculos.”

Unha colaboración histórica

Durante o ano 2018 fóronse tecendo redes de cooperación entre a Ruta do Viño do Ribeiro e o Xeodestino O Ribeiro-Carballiño promocionando o turismo neste territorio. Puxéronse en marcha actividades como o Bus do Viño durante os meses de xuño a setembro e tamén se desenvolveu unha misión inversa con medios xornalísticos galegos especializados no mes de novembro.

Segundo Francisco José Fernández Pérez, presidente do Geodestino, “O éxito conseguido nestas accións animounos a ir un pouco máis aló e expor unha cooperación con máis entidades. Deste xeito, por primeira vez na historia do Ribeiro, catro entidades con obxectivos e intereses comúns (Deputación, Consello Regulador, Ruta do viño e Geodestino) establecen unha estratexia conxunta e pon en marcha un plan ambicioso de actividades para desenvolvela.”

Actividades previstas para o ano 2019

Neste contexto as actividades a desenvolver durante o ano 2019 concrétanse no desenvolvemento dunha Campaña promocional nas redes sociais apoiada na edición de folletos e vídeos da Ruta do Viño do Ribeiro. Farase unha presentación en Santiago de Compostela da Ruta do Viño do Ribeiro, O Camiño do Viño, na simbólica Porta de Mazarelos, lugar histórico de entrada do produto á metrópole galega. Unha misión inversa de xornalistas e escritores especializados de ámbito español daralle unha dimensión nacional á estratexia e unhas xornadas históricas sobre a Cultura do Viño en colaboración con AMECHIR (Asociación de Amigos e Amigas do Museo Etnológico e do Conxunto Histórico de Ribadavia) tentarán sentar os alicerces históricos e culturais do Ribeiro. En último lugar a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro celebrará tamén, no mes de xuño, a VIII edición da Xornada de Puertas abertas das Rutas do Viño de Galicia que promove a Axencia de Turismo de Galicia.