O novo plan estratéxico da Cidade da Cultura incide no seu valor como recurso turístico

O novo plan estratéxico da Cidade da Cultura incide no seu valor como recurso turístico

O documento foi presentado nun acto ao que asistiron numerosos representantes do mundo cultural e empresarial, entre eles o presidente do Clúster Turismo de Galicia.

 

O turismo forma parte dos ámbitos de actuación contemplados no segundo plan estratéxico da Cidade da Cultura, que foi presentado o pasado sábado 18 de decembro polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nas instalacións do recinto situado no compostelán Monte Gaiás. O documento recolle a importancia que a Cidade da Cultura desempeña como recurso turístico e recolle diversas accións deseñadas para estreitar os seus lazos co Camiño de Santiago e a celebración do Xacobeo. Búscase así enriquecer a experiencia da peregrinación e ampliar a oferta de recursos turísticos de Santiago de Compostela co obxectivo último de que o número de visitantes no 2027 se incremente un 40 % ata alcanzar 1,4 millóns ao ano.

 

O plan estratéxico, presentado no recentemente inaugurado Edificio Fontán diante dunha nutrida representación do mundo da empresa e a cultura na que non faltou tampouco presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, prevé un investimento de preto de 30 millóns de euros para facer que a Cidade da Cultura duplique durante o próximos cinco anos o valor que achega á sociedade galega. Para conseguilo, está prevista a realización de máis de 5.000 actividades que contribuirán a potenciar a creatividade e a innovación e Galicia. As previsións do plan estratéxico é que esas actividades permitan incrementar de aquí ao 2027 un 43 % o número de participantes. Así mesmo, incentivaranse as propostas organizadas por empresas, institucións e colectivos sociais para propiciar que pasen de ao redor de 280 a máis de medio milleiro ao ano.

 

No ámbito concreto do desenvolvemento do turismo, o plan estratéxico propón salientar o papel da Cidade da Cultura como un “recurso turístico galego e universal de primeiro nivel, tanto para turismo cultural e turismo  MICE, como para visitantes en xeral” poñendo en valor “os espazos, as arquitecturas e a contorna do Gaiás Verde”. O documento recolle como accións a desenvolver neste ámbito a creación de itinerarios de visita ao recinto como espazo cultural que poderán ser incluídos polos operadores turísticos e as axencias de viaxes nos seus programas, e a realización de presentacións do Gaiás nas principais feiras internacionais do sector turístico.