O legado romano, un atractivo turístico que cobra impulso en Galicia

Lugo é unha das cidades fundadoras da rede de destinos turísticos Hispania Romana, á que se adheriu tamén A Coruña.

 

O patrimonio e o legado histórico asociado a monumentos e conservado en museos figuran entre as principais preferencias dos turistas que visitan en Galicia. A promoción e o aproveitamento destes atractivos ten unha gran importancia na estratexia das administracións tal como queda demostrado coa posta en marcha de novas ferramentas e iniciativas nese eido. É o caso da rede de destinos turísticos Hispania Romana presentada na edición deste ano de Fitur e na que Galicia ten un peso importante.

 

Lugo, coa súa famosa muralla como primeiro expoñente, pero non o único, dese pasado romano, é unha das cidades fundadoras dese colectivo impulsado desde Cartaxena e que contou tamén desde os seus inicios coa participación de Segovia, Alcalá de Henares, Málaga e Mérida, reunindo así no seu seo ás sedes dalgúns dos monumentos romanos máis destacados de toda España. Máis recentemente, A Coruña incorporouse á rede Hispania Romana sumándolle desta maneira a Torre de Hércules, emblemático monumento que do mesmo xeito que a muralla lucense foi recoñecido como Patrimonio da Humanidade.

 

O obxectivo desta nova rede é levar a cabo acciones promocionais conxuntas aproveitando ese nexo común que é o pasado romano. Para iso os seus impulsores están a elaborar un plan de acción que contemplará o desenvolvemento de novos produtos turísticos que lles permitan captar máis visitantes e acceder a outros mercados.

 

Precisamente, o papel dese patrimonio romano como elemento dinamizador do turismo cultural é o eixo do curso que a Universidade Politécnica de Cartaxena celebrará os días 18, 19 e 20 de xullo e no que Galicia estará tamén presente con intervencións como a que realizará Enrique González Fernández, arqueólogo do Servizo Municipal de Arqueoloxía de Lugo.