O gasto dos turistas estranxeiros en Galicia creceu o verán pasado ata os 267 millóns de euros

O gasto dos turistas estranxeiros en Galicia creceu o verán pasado ata os 267 millóns de euros

A cifra feita pública polo INE supón un aumento do 85 % con respecto ao mesmo período do 2020.

 

A recuperación experimentada o ano pasado polo sector turístico galego deixouse ver tamén nos datos do gasto realizado polos visitantes estranxeiros durante o verán. Segundo a enquisa experimental que acaba de facer pública o Instituto Nacional de Estatística, durante o terceiro trimestre do ano pasado os turistas chegados desde máis aló das fronteiras de España gastaron en Galicia un total de 267,9 millóns de euros, o que supón un 85 % máis que os 144,7 contabilizados durante o mesmo período do ano 2020.

 

Eses 267,9 millóns quedan lonxe aínda dos 485,9 millóns de euros rexistrados no terceiro trimestre do 2019 (previo á pandemia da covid) por mor das restricións que aínda seguen vixentes en moitos países para realizar viaxes ao estranxeiro, pero reflicte unha evolución lixeiramente mellor á media nacional. Esa tendencia á recuperación ponse de manifesto, así mesmo, en canto ao gasto diario por visitante, posto que os 63 euros de media rexistrados en Galicia durante o terceiro trimestre do 2021 supoñen un aumento de 9 euros con respecto ao mesmo período do 2020 e permítenlle recuperar unha posición no ranking de comunidades.

 

En canto ao peso dos países de procedencia dos visitantes no gasto turístico realizado en Galicia, Portugal segue encabezado a listaxe con case 59 millóns de euros (o 22 % do total) seguido de Francia con 42 millóns (o 15,31 %) e Estados Unidos con 27,8 millóns (10,39 %). Pero o ranking dá un envorco se o dato que se examina é o do gasto medio diario por visitante. Neste caso, os mexicanos pasan á primeira posición con 125 euros de media ao día, seguidos dos chineses, con 111 euros, e os estadounidenses, con 102, mentres que franceses e portugueses caen á décimo sétima e décimo oitava posición do ranking elaborado polo INE con 59 e 58 euros de gasto medio por persoa e día en Galicia.