O futuro do turismo, a debate en outubro en Ourense

O presidente do Clúster participou na presentación do encontro internacional que organiza a Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo.

 

Especialistas dos ámbitos académico, investigador, profesional e institucional reuniranse o próximo mes de outubro (os días 6, 7 e 8) en Ourense para debater sobre o novo turismo tras a pandemia e os retos aos que ten que facer fronte en canto a innovación, dixitalización, sustentabilidade e competitividade. Eses son os temas centrais do vixésimo segundo congreso internacional que está a organizar a Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (AECIT) e cuxa conta atrás deu comezo de forma oficial co acto de presentación celebrado o venres 17 no Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

 

O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo  Pardal, tomou parte na posta de longo desta iniciativa xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, Montserrat Cruz; a comisionada de Coordinación Institucional da Universidade de Vigo, Elena Rivo; o presidente do comité organizador do congreso, José Antonio Fraiz, e o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea. Na súa intervención Cesáreo Pardal destacou a importancia dos catro temas que servirán de eixo ao congreso e explicou que se o sector turístico logra conxugar innovación, dixitalización, sustentabilidade e competitividade poderá asegurar a súa rendibilidade.

 

Os presentes destacaron tamén a importancia que para Ourense, e para Galicia en xeral, ten a celebración dun encontro que reunirá a expertos do ámbito nacional e internacional e que permitirá, en palabras dos seus organizadores, “establecer sinerxías entre o mundo académico-científico, os responsables da xestión pública e o sector empresarial; facilitar a actualización de coñecementos sobre aspectos de planificación e xestión turística e coñecer diferentes modelos de xestión e explotación dos recursos turísticos”.

 

A AECIT, nacida no ano 1994, agrupa no seu seo a profesores, investigadores e profesionais de recoñecido prestixio no ecosistema do sector do turismo, das empresas, a universidade, o ámbito institucional e a consultoría. Entre os seus socios figura a Universidade de Vigo, desde cuxa Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá xa organizou o congreso internacional do ano 2012. Naquela ocasión, máis de medio milleiro de asistentes acudiron á súa chamada. A nova edición do congreso está a espertar gran expectación, como proba o feito de que xa recibiron máis dun centenar de comunicacións procedentes de 28 universidades de toda España e de países como Brasil, México, Chile e Portugal.