O Clúster Turismo de Galicia impulsa unha misión comercial á ITB Berlín 2026 con 23 prazas dispoñibles

O Clúster Turismo de Galicia impulsa unha misión comercial á ITB Berlín 2026 con 23 prazas dispoñibles

  • A acción celebrarase do 2 ao 5 de marzo e permitirá ás empresas galegas reforzar o seu posicionamento nun dos principais mercados turísticos internacionais.
  • A misión inclúe desprazamentos, aloxamento, networking e servizos de internacionalización, con prazas limitadas.

 

O Clúster Turismo de Galicia está a preparar unha misión comercial a ITB Berlín, que se celebrará do 3 ao 5 de marzo de 2026 e que constitúe unha das citas clave do calendario turístico internacional.

 

A misión dará comezo o luns 2 de marzo con saída desde o aeroporto de Santiago de Compostela e finalizará o xoves 5 de marzo. O programa inclúe os voos de ida e volta, traslados en autocar entre o aeroporto e o hotel, así como aloxamento en réxime de aloxamento e almorzo no hotel Park Inn by Radisson de Berlín, de catro estrelas. Ademais, no marco da acción organizarase unha cea de networking entre os participantes.

 

O custo por participante en concepto de servizos de internacionalización ascende a 800 euros e inclúe unha maleta facturada. A inscrición estará aberta ata o xoves 12 de febreiro, cun número máximo de 23 prazas. En caso de superar a demanda dispoñible, a asignación realizarase seguindo criterios de prioridade por tipoloxía de actividade, dando preferencia a empresas de comercialización e distribución, seguidas de aloxamentos e oferta complementaria, e outras entidades do sector.

 

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com, incluíndo os seus datos persoais e profesionais, así como o xustificante do pago correspondente, en concepto de “Servizos de Internacionalización en ITB Berlín 2026” (ES56 0081 0499 6000 0167 4368).

 

Con esta iniciativa, o Clúster Turismo de Galicia continúa impulsando a proxección internacional das empresas do sector, facilitando a súa presenza en mercados estratéxicos e fomentando oportunidades de negocio e colaboración a nivel internacional.