O Clúster mantén activo o seu servizo de consultoría gratuíto para a obtención ou mantemento da Q de Calidade e da S de Sustentabilidade turística

O Clúster mantén activo o seu servizo de consultoría gratuíto para a obtención ou mantemento da Q de Calidade e da S de Sustentabilidade turística

 

No marco dos convenios de colaboración formalizados pola Axencia Turismo de Galicia-Xunta de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia pon a disposición das empresas turísticas un servizo de consultoría gratuíto para a obtención ou mantemento da Q de Calidade e da S de Sustentabilidade. O obxectivo é simplificar o proceso ás entidades turísticas interesadas.

 

Q de Calidade e S de Sustentabilidade

 

A garantía Q de Calidade Turística é unha marca española, recoñecida mundialmente, dirixida á certificación voluntaria da calidade dos servizos turísticos. Esta certifica a calidade da xestión, servizos e infraestruturas das organizacións turísticas.  A marca obtense cando a organización turística evidencia o cumprimento dos requisitos técnicos que a súa norma correspondente pronuncia. A organización debe poñer en funcionamento un sistema de xestión orientado ao servizo do cliente e en mellora continua.

 

A marca S de Sustentabilidade Turística é un recoñecemento ás boas prácticas sustentables, posta en marcha polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para axudar aos establecementos, empresas e destinos de España na integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible do Milenio. Esta marca obtense cando a organización turística cumpre, polo menos, coa Especificación Técnica de Cumprimento de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en organizacións turísticas, ou coa Norma UNE-ISO 21401:2019 Sistema de Xestión de Sustentabilidade para aloxamentos.

 

Servizo de consultoría

 

Para a Q de Calidade realízanse os servizos de consultoría e asistencia técnica para a xestión, tramitación da subvención nos procesos de certificación/mantemento do distintivo durante o ano 2023. O Clúster realizou unha enquisa no que as empresas/entidades que recibiron o servizo valoraron a súa calidade, aprobándoo con boa nota: a maior parte dos enquisados valórao cunha resposta media que se sitúa en torno a un 8,43 (nunha escala do 1 ao 10).

 

Para a S de Sustentabilidade é preciso implantar os requisitos de, polo menos, un dos documentos fronte aos que se obtén a marca Sustentabilidade Turística. Ademais disto, tamén é preciso acordar cunha das empresas homologadas a auditoría externa; evidenciar o cumprimento dos requisitos técnicos; poñer en funcionamento e evidenciar as oportunidades de mellora detectadas; obter o certificado e poñelo en valor, dentro e fora da organización; e superar unha auditoría externa anualmente.

 

Se estás interesado no servizo de consultoría, podes recibir máis información consultando coa secretaría técnica do Clúster de Turismo a través do correo electrónico: secretariatecnica@clusterturismogalicia.com ou do teléfono 881 24 74 36.