Ao longo do 2023, o Clúster, en colaboración coa Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia, levou a cabo diversas accións co obxectivo de consolidar o club de produto da marca turística Galicia Destino Sostible, abríndoo a novas empresas e produtos, e apostando por actuacións que incentiven a comercialización das experiencias sostibles. Unha destas accións foi a campaña cooperativa organizada en colaboración con Turespaña, unha tipoloxía de actuacións que permite realizar campañas de marketing internacional de xeito efectivo e eficiente.
Deste xeito, entre os meses de setembro e novembro de 2023, Galicia Destino Sostible participou nunha campaña Co-Ops dirixida ao mercado estadounidense, con Expedia como partner. Un aspecto destacado desta colaboración foi o impacto económico positivo: cun investimento inicial de 50.000 € pola marca turística GDS, puxéronse en marcha actuacións de promoción por valor de 150.000 €, sumando a contribución financeira de Turespaña e Expedia a partes iguais.
A campaña onsite acumulou ata 2,7 millóns de impresións, mentres que a campaña externa obtivo 4 millóns de impresións e un 76% de viewability (a visibilidade que obteñen os anuncios na rede). Ademais, esta acción xerou máis de 1 millón de dólares en reservas para visitar Galicia a través de puntos de venda específicos durante a campaña, cun mellor comportamento durante os meses próximos á tempada estival.
Tralos positivos resultados desta acción de marketing colaborativa, durante o presente 2024 o Clúster retomará esta colaboración cunha nova campaña que se desenvolverá do 1 de maio ao 30 de xuño, co obxectivo de seguir promovendo a marca turística Galicia Destino Sostible no mercado internacional.