O Palacete das Mendozas de Pontevedra acolleu durante os días 26 e 27 de novembro e 17 e 18 de decembro o programa formativo “Turismo Intelixente: ferramentas IA para a transformación do sector”, unha iniciativa organizada pola Deputación de Pontevedra e o Clúster de Turismo de Galicia, co apoio da Xunta-Axencia Turismo de Galicia, dirixida a profesionais do sector turístico galego. A formación, impartida por Enrique Lancis e Susana García, expertos de referencia en innovación turística e intelixencia artificial, congregou a 25 participantes procedentes de hoteis, axencias de viaxes, empresas de oferta complementaria e outras compañías do ecosistema turístico de Galicia.
O programa, estruturado en 12 horas distribuídas en catro xornadas presenciais de tres horas cada unha, combinou fundamentos teóricos con aplicacións prácticas inmediatas, permitindo aos asistentes explorar máis de 10 ferramentas de intelixencia artificial e deseñar estratexias concretas para integralas nas súas organizacións.
A formación arrincou cunha inmersión nos fundamentos da IA e o seu impacto no sector turístico, abordando conceptos como Machine Learning, Deep Learning e Procesamento da Linguaxe Natural, ademais de identificar oportunidades de uso en áreas como atención ao cliente, márketing, análise de datos e automatización de procesos. Os participantes coñeceron tamén os novos perfís profesionais emerxentes e os aspectos éticos fundamentais no uso destas tecnoloxías.
Na segunda xornada, o foco centrouse no dominio de ChatGPT e outras ferramentas conversacionales, explorando as diferenzas entre modelos (GPT-3.5, GPT-4, GPT-4o), técnicas avanzadas de prompting e, especialmente, a creación de GPTs personalizados adaptados ás necesidades específicas de cada departamento ou función dentro das empresas turísticas.
A terceira sesión ampliou o horizonte tecnolóxico coa presentación de múltiples ferramentas de IA xenerativa e modelos de linguaxe alternativos. Os asistentes traballaron con plataformas como Gemini, Grok, DeepSeek e Mistral, e exploraron aplicacións creativas como SUNO para xeración de audio e Nano Banana para contido visual. Ademais, introducíronse conceptos avanzados como os axentes de intelixencia artificial e ferramentas de automatización de procesos mediante MAKE.
A cuarta e última xornada estivo adicada á aplicación real de todo o aprendido. Os participantes traballaron no deseño de follas de ruta personalizadas para integrar a IA nas súas empresas, diferenciando entre automatización de tarefas e mellora asistida, e identificando procesos internos onde a tecnoloxía pode achegar maior valor. Un aspecto destacado foi a demostración de casos de uso en turismo desenvoltos con axentes de IA mediante a plataforma GenSpark, que permitiu visualizar como estas tecnoloxías poden resolver problemas específicos do sector de forma innovadora e eficiente. Tamén se afondou nos aspectos críticos como a ciberseguridade, a protección de datos de clientes, o marco legal vixente e o papel da IA na sostibilidade turística.
Ao longo das catro sesións, os participantes amosaron especial interese na automatización de procesos de atención ao cliente, a creación de contidos personalizados mediante IA xenerativa, e o desenvolvemento de GPTs personalizados que poidan funcionar como asistentes especializados nas súas áreas de negocio. As ferramentas de automatización con MAKE e os axentes de IA xeraron gran expectación pola súa capacidade para optimizar fluxos de traballo complexos sen necesidade de coñecementos técnicos avanzados.
Enrique Lancis, licenciado en Administración e Dirección de Empresas con especialidade en Finanzas e cun International MBA polo IE Business School, conta con máis de 18 anos de experiencia liderando proxectos de innovación turística e transformación dixital. Foi director de tecnoloxía e desenvolvemento de negocio en SEGITTUR, onde liderou o desenvolvemento do modelo de Destinos Turísticos Intelixentes do Goberno de España. Actualmente é fundador de HumanIA Labs, consultora especializada na aplicación da intelixencia artificial ao turismo, e colabora con ISO e o CTN 178 de Smart Cities.
Susana García, licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid, é fundadora de 1012 INTELLIGENCE e autora do libro “IA desde cero: Intelixencia Artificial explicada de forma fácil”. Cunha traxectoria en compañías como Telefónica, Terra Networks e Hewlett Packard, Susana consolidouse coma unha das formadoras máis destacadas en intelixencia artificial aplicada á empresa, impartindo docencia en programas executivos de EAE Business School, ISDI, Next Educación e Fundación INCYDE, entre outros.