O Clúster de Turismo celebra a súa primeira década sumando esforzos para consolidar Galicia como un destino de calidade, competitivo e diferenciado

O Clúster de Turismo celebra a súa primeira década sumando esforzos para consolidar Galicia como un destino de calidade, competitivo e diferenciado

  • Agradece a confianza depositada polo sector para converter ao Clúster no interlocutor único ante as administracións e ter unha implicación directa nas decisións estratéxicas para o turismo galego.
  • O incremento da competitividade, a profesionalización e a internacionalización foron as liñas prioritarias desta primeira década de traballo.
  • Hoxe o Clúster de Turismo está integrado por 68 entidades, que representan o 97% do sector e a máis de 7.000 empresas.

 

Hoxe fai dez anos a Cidade da Cultura acollía a constitución formal do Clúster de Turismo de Galicia (CTG). O 20 de xuño de 2013 nacía unha entidade con vocación de converterse na voz do sector, ser un interlocutor único coa Administración e actor esencial da planificación e xestión do turismo galego. Desde entón o Clúster traballou para mellorar a rendibilidade das empresas, configurar un destino de calidade, competitivo e diferenciado, apostando pola profesionalización do sector, a internacionalización e a desestacionalización.

 

Nesta década o CTG contribuíu a ampliar a oferta turística de Galicia. Sen dúbida, o Camiño e a súa promoción tiveron un papel clave na promoción de Galicia como destino, pero a Comunidade xa é coñecida, ademáis de pola Ruta Xacobea e a nosa costa privilexiada, por unha ampla variedade de posibilidades como o turismo rural, termal, fluvial, de natureza, cultural, cicloturístico, gastronómico ou etnolóxico entre outros.

 

Ao longo disto dez anos realizouse un importante esforzo na promoción do destino, especialmente na internacionalización, buscando o posicionamento de Galicia a nivel mundial. Nesta década o Clúster participou en feiras nacionais e internacionais como a World Travel Market de Londres ou a ITB de Berlín, ademais de promocionar Galicia a través de talleres en diferentes cidades do mundo.

 

A colaboración público privada marcou a traxectoria das actuacións do Clúster de Turismo de Galicia desde o seu inicio e iso traduciuse en fitos importantes ao longo desta década como o acordo para implantar a Q de Calidade en 2014 ou o papel clave do Clúster na elaboración da Estratexia Turismo de Galicia 2017-2020, articulada a través dun convenio de colaboración coa Xunta. Esta cooperación permitiu tamén a creación en 2019 dos Premios Galicia Turismo, que naceron coa vocación de premiar a todas aquelas persoas que contribuíron ao desenvolvemento turístico da Comunidade.

 

Un dos maiores retos destes dez anos foi a crise derivada do Covid-19, cun forte impacto na economía galega e con especial incidencia no sector turístico galego. Nese momento o CTG centrou a súa actividade en paliar os efectos para o sector, traballando en diversas propostas para as distintas administracións públicas, das que finalmente xurdiron medidas concretas como o Bono Turístico #QuedamosenGalicia ou o Programa 100×100 Turismo.

 

Ademais, ao Clúster elaborou o Plan Director de Turismo 2021-2023: Galicia Destino Seguro, destacando os eixos principais para reactivar o sector turístico que temos en Galicia. Un dos obxectivos estratéxicos do plan é a sustentabilidade como eixo central. Así naceu o proxecto Galicia Destino Sostible, unha iniciativa que se articula como un club de produto turístico que integra toda a oferta turística galega respectuosa co medio ambiente, a cultura e a sociedade.

 

Dez anos de unión e avances

 

Francisco González, presidente do CTG de 2013 a 2018, declara que “mirando cara atrás en 2013, creo que podemos dicir que conseguimos boa parte dos obxectivos que nos marcamos, especialmente o de consolidar Galicia como un destino diferencial e de calidade”.

 

O actual presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, asegura que “estes dez anos do Clúster Turismo de Galicia afianzáronnos como entidade grazas ao traballo, ao esforzo e, sobre todo, á unión de todo o sector turístico galego”.

 

O Clúster de Turismo de Galicia inicia unha nova década traballando para consolidar un turismo máis internacional, máis sostible e máis innovador.