O Club de Produto ‘Galicia Destino Sostible’ suma dúas novas empresas

O Club de Produto ‘Galicia Destino Sostible’ suma dúas novas empresas

  • Galiwonders e Gran Hotel Los Abetos son as novas empresas que xa forman parte do club ‘Galicia Destino Sostible’.
  • Esta iniciativa conta actualmente con máis de 150 experiencias e máis de 90 empresas adheridas, e segue aberta a recibir novos membros.

A marca turística ‘Galicia Destino Sostible‘ suma esta semana dúas novas incorporacións. Durante a reunión deste martes, 2 de abril, o comité de avaliación aprobou as solicitudes presentadas polos responsables das empresas Galiwonders e Gran Hotel Los Abetos.

 

Estas entidades súmanse a un grupo do que forman parte os sectores das axencias de viaxe, restauración, aloxamento e a oferta turística complementaria. Agora o club ofrece máis de 150 experiencias que proveñen de máis de 90 empresas diferentes.

 

O Club de Produto Galicia Destino Sostible, unha iniciativa impulsada polo Clúster Turismo de Galicia co apoio da Xunta de Galicia no 2022, ten como obxectivo principal resaltar e integrar a oferta turística galega que promove o desenvolvemento sostible do destino, buscando situarse como referente tanto a nivel nacional como internacional. Este club de produto turístico abarca diversas facetas da oferta galega, promovendo o respecto ao medio ambiente, á cultura e á sociedade.

 

A través da súa plataforma en liña, galiciadestinosostible.com, o club serve de punto de encontro entre os turistas e as empresas, facilitando o acceso á ampla oferta turística sostible de Galicia. Dende rutas en camper, en barco, en bicicleta ou a pé, ata paquetes turísticos que ofrecen aventura, deporte, gastronomía, enocultura e aloxamento, o portal conta cunha variedade de opcións para todos os gustos e preferencias.

 

Para as empresas interesadas en unirse ao club, hai a posibilidade de solicitar a adhesión a través do formulario dispoñible na súa páxina web. É importante sinalar que se a empresa posúe algún tipo de certificación oficial de sostibilidade ou ambiental, como a S do ICTE, Biosphere, Green Key, EU Ecolabel, Green Globe21, Travellife, Rainforest Alliance Certified, ou Estrela Verde da Guía Michelin, ou pertence a Turismo Slow, poderá adherirse directamente, xa que estas certificacións son consideradas como requisitos habilitantes. No caso de non posuír ningunha certificación, a empresa poderá adherirse se cumpre o 100% dos requisitos obrigatorios e, polo menos, o 33% dos valorables. Para obter máis información, as empresas poden contactar a través do número 881 505 102 ou do correo electrónico info@galiciadestinosostible.com.