O Camiño de Santiago confirmou a súa reactivación no 2021 con case 180.000 compostelas seladas

O Camiño de Santiago confirmou a súa reactivación no 2021 con case 180.000 compostelas seladas

A cifra final permitiu superar en 40.000 visitantes as previsións da Xunta

 

A continuación do Ano Santo Xacobeo 21-22 arrinca con boas noticias para o sector turístico galego. O peche dos datos das compostelas seladas na Oficina do Peregrino do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino non fixo senón confirmar a recuperación do Camiño de Santiago como gran porta de entrada a Galicia, posto que os case 180.000 peregrinos que completaron o trámite que testemuña de forma oficial ter percorrido algunha das rutas cara a Santiago permitiron superar en 40.000 o número de visitantes previstos polos responsables da Xunta.

 

Esta cifra está lonxe aínda dos 350.000 peregrinos alcanzados no 2019, pero tendo en conta as restricións á mobilidade por mor da covid que estiveron vixentes ata abril do ano pasado e as dificultades que aínda seguen tendo os peregrinos procedentes doutros países, confirma a reactivación do Camiño e fai afrontar con boas perspectivas a segunda parte deste excepcional Xacobeo bianual. Desde a Xunta destacan, ademais, que aínda que o 70 % deses peregrinos procederon do ámbito nacional, durante os últimos meses do 2021 viuse tamén un aumento no número de camiñantes internacionais. Portugal, cun 5 %; Italia, cun 4 %, e Alemaña e Estados Unidos, con máis do 3 %, foron os países de procedencia máis repetidos entre eses visitantes.

 

En canto ás rutas, o Camiño Francés volveu ser o itinerario elixido pola maioría dos peregrinos (98.200, o que supón o 55 % do total), seguido polo Camiño Portugués e a variante da Costa con 42.000 compostelas seladas; o Camiño Inglés, con 11.000; o Camiño Primitivo, con 10.100, e o Camiño do Norte, con 9.600.

 

A Xunta atribúe a mellora destes datos a das cifras do sector turístico galego no seu conxunto ás diversas accións desenvolvidas durante o 2021 para impulsar a recuperación do turismo, entre elas o Plan Director Galicia Destino Seguro elaborado en colaboración co Clúster Turismo de Galicia e as tres universidades galegas.