Écociña no Camiño impulsa o tirón gastronómico das rutas de peregrinación a Santiago

O Porto de Vigo acolleu o acto central desta iniciativa promovida por Turismo de Galicia coa colaboración do Clúster.

 

A gastronomía é un activo importante á hora de promocionar Galicia entre aqueles que percorren o Camiño de Santiago e se senten atraídos polas celebracións do Ano Santo Xacobeo 2021-22. Así o puxo de manifesto Écociña no Camiño, unha campaña desenvolvida pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia coa colaboración do Clúster Turismo de Galicia.

 

As instalacións do Porto de Vigo acolleron o acto central desta iniciativa, que serviu para facer balance e agradecer o traballo dos establecementos participantes. O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, foi o encargado de presidir unha xornada na que destacou os resultados de Écociña no Camiño explicando que “conseguiu o obxectivo de que o Camiño se converta tamén nunha experiencia gastronómica para o peregrino” e que o aspecto culinario “sexa un atractivo máis para camiñar a Galicia”.

 

O acto celebrado en Vigo coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Almuíña; o presidente da Confederación Galega de Empresarios de Hostalería e Turismo, Cheché Real, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo  Pardal, serviu tamén para entregar aos responsables dos establecementos que participaron na campaña senllas distincións e para anunciar que a iniciativa terán continuidade durante o 2022.

 

Rueda explicou que a intención da Xunta é aproveitar a continuación deste Xacobeo bienal para seguir captando establecementos que se somen á oferta gastronómica e contribúan tamén a proxectar o Camiño de Santiago como referente da cociña de calidade e sostible.

 

Nas actividades realizadas ata a data no marco do programa Écociña no Camiño participaron máis dun centenar de establecementos situados en diversos puntos das distintas rutas de peregrinación dando forma a menús autóctonos elaborados con produtos de proximidade e fomentando así tamén a sustentabilidade e o compromiso coa contorna.