Dobre reforzo para o sector turístico na Guarda

O servizo Xacobeo Transfer suma unha nova embarcación para unir a localidade con Caminha.

 

Alda Hotels inaugura de forma oficial o seu novo establecemento no monte de Santa Tegra.

 

A localidade pontevedresa da Guarda foi noticia para o sector turístico por partida dobre coa posta en funcionamento durante este ponte da Constitución e a Inmaculada de dous novos servizos que contribuirán a mellorar as posibilidades de tránsito e aloxamento dos viaxeiros en xeral, e especialmente, dos que percorren o Camiño Portugués pola Costa desde o país veciño.

 

Estes son os principais destinatarios da nova embarcación que desde o luns, día 5, reforza o Xacobeo Transfer, o servizo de transporte fluvial que desde abril deste ano cruza as augas do Miño para facilitar o tránsito entre Caminha e A Guarda. Nestes primeiros meses de funcionamento, 7.000 usuarios de 40 países diferentes fixeron uso da embarcación impulsada pola Xunta de Galicia coa colaboración da Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+).

 

A nova embarcación, inaugurada o luns polo presidente autonómico, Alfonso Rueda, nun acto no que o Clúster Turismo de Galicia estivo representado polo seu vicepresidente, Jesús Picallo, dispón de 12 prazas, o que permitirá duplicar a capacidade do servizo. E ademais de ser sostible ofrece servizos moi útiles para os peregrinos como espazos destinados ao transporte de bicicletas e mochilas.

 

Durante ese mesma xornada do luns 5 foi inaugurado tamén de forma oficial o Hotel Alda Santa Tegra, un establecemento situado nun antigo inmoble levantado hai décadas e que foi sometido agora a unha renovación en profundidade e que se atopa situado nunha privilexiada situación que o dota dunhas espectaculares vistas do Atlántico e a desembocadura do río Miño.