Convocadas as axudas estatais de dixitalización de “última milla” para o sector turístico

Convocadas as axudas estatais de dixitalización de “última milla” para o sector turístico

O Ministerio de Turismo destina 20 millóns de euros a proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que incorporen tecnoloxías emerxentes e outros 5 millóns para a implantación de tecnoloxías xa testadas.

 

As empresas do sector turístico xa poden solicitar as axudas lanzadas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para o desenvolvemento e implementación de proxectos tecnolóxicos singulares e transformadores que cubran procesos e produtos facilmente escalables e  replicables cunha clara orientación ao usuario final e que conteñan, entre outros aspectos, melloras na dixitalización e a intelixencia aplicadas á xestión, a promoción, a posta en valor e a difusión para destinos e sector turístico.

 

A convocatoria publicada en días pasados no Boletín Oficial do Estado está dotada cun total de 25 millóns de euros e enmárcanse no Plan de Modernización e Competitividade do sector turístico financiado cos fondos Next Generation. Dese importe total, 20 millóns estarán destinadas á denominada Liña 1, coa que se subvencionarán proxectos que incorporen tecnoloxías emerxentes ou de novo desenvolvemento e que permitan mellorar a competitividade do sector no ámbito da denominada Internet das cousas, o 5G, o big data, a ciberseguridade ou as aplicacións móbiles. Os 5 millóns restantes corresponden á Liña 2 e serán empregados para a implementación de tecnoloxías xa testadas previamente. O orzamento dos proxectos que poderán ser subvencionados a través da Liña 1 deberá situarse entre 500.000 euros e 5 millóns, mentres que no caso da Liña 2, irá de 300.000 a 750.000 euros.

 

As solicitudes poden presentarse ata o 2 de xullo a través da sede electrónica do Ministerio de Turismo (https://sede.serviciosmin.gob.es), ou o seu portal de axudas (https://www.mincotur.gob.es/PortalAyudas/). Ademais, foi habilitada unha dirección de correo electrónico para resolver dúbidas: consultas.ayudas@segittur.es