Cesáreo Pardal participará no terceiro Congreso Inmobiliario de Galicia

O presidente do Clúster Turismo de Galicia debaterá sobre as vivendas de alugueiro turístico no marco dos actos programados para o próximo mes de maio en Santiago de Compostela.

 

Santiago de Compostela acollerá durante os días 5, 6 e 7 do próximo mes de maio a terceira edición do Congreso Inmobiliario de Galicia, unha cita organiza pola Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin) para reunir aos profesionais do ramo e debater sobre a situación actual e as perspectivas de futuro do sector. Entre os asuntos que serán abordados durante esas tres xornadas figuran aspectos relativos ao márketing, os retos, a formación, os riscos inmobiliarios ou as oportunidades de crecemento, pero tamén haberá oco para falar dun asunto ligado directamente co mundo do turismo.

 

Un dos debates incluídos no programa centrarase en como están a incidir as vivendas turísticas no mercado de alugueiro e para analizar a cuestión os organizadores do Congreso convidaron ao presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Xunto a el, para abordar esta cuestión estarán tamén a concelleira de Vivenda de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; Joan Clos, exministro de Turismo e actual presidente da Asociación de Propietarios de Vivendas en Alugueiro, e Víctor Castro, en representación da Asociación de Apartamentos e Vivendas Turísticas de Galicia.

 

A Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e o Instituto Galego da Vivenda e Solo colaboran con Agalin na organización deste Congreso cuxo programa central desenvolverase no Hotel Porta do Camiño e no que se poderá participar tamén en formato en liña. Máis información e inscricións en https://www.agalin.es/inscripcion/