Arrinca a terceira edición de Turislab, a aceleradora de empresas para o sector turístico liderada pola Xunta de Galicia

Arrinca a terceira edición de Turislab, a aceleradora de empresas para o sector turístico liderada pola Xunta de Galicia

  • O proceso de inscrición está aberto ata o 26 de decembro a través de turislab.gal

 

Turislab, a aceleradora de empresas para o sector turístico liderada pola Xunta de Galicia, arrinca a súa terceira edición con novidades. O obxectivo desta iniciativa é o de crear un ecosistema aberto e unha rede de recursos para proxectos innovadores e de alto impacto na sociedade especializados no turismo sostible e de calidade.

 

Trala boa acollida das edicións anteriores, nas que se conseguiu formar e mentorizar ideas innovadoras do sector turístico galego, a iniciativa suma a incorporación de Portugal. Este ano, ademais de Turismo de Galicia, participará a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, e a Comunidade Intermunicipal Alto Minho.

 

A aceleradora habilita a súa inscrición para proxectos en fase pre-seed, con menos dun ano de actividade, enfocados ao turismo: turismo rural, servizos ao turista, axencias de viaxe, hoteis, aloxamentos vacacionais, enoturismo, turismo de aventura, turismo sostible e ofertas de ocio. A iniciativa conta con diferentes categorías segundo o enfoque dos proxectos: Camiño de Santiago, Travel Tech, Sustentabilidade, Turismo de litoral, Social Tech, Gastro Tech e Infrastructure Track.

 

O prazo para que os emprendedores do sector turístico de Galicia e do Norte de Portugal presenten os seus proxectos de emprendemento permanece aberto ata o 26 de decembro a través da páxina https://turislab.gal/es/inscripcion/.

 

Fases do programa

 

Logo da preinscrición, os seleccionados pasarán a unha fase de preacademia, onde os escollidos recibirán un primeiro contacto, de cinco semanas, nas que se traballará no plan de negocio e se medirá a viabilidade da proposta. Desta fase, serán finalistas 10 dos 15 proxectos preseleccionados inicialmente.

 

A segunda fase durará sete meses. Nesta, a aceleradora ofrecerá apoio para que os proxectos medren e saian adiante. Haberá formación en asuntos de comunicación, márketing e estudos de mercado.

 

A terceira fase é a do evento Investors Day, onde os inversores interesados nos proxectos acelerados por Turislab poderán coñecer as ideas e aos seus creadores, abrindo a posibilidade de conseguir o respaldo necesario para iniciar a saída real ao mercado.