Arranca a campaña para potenciar a marca Galicia Destino Sostible no mercado norteamericano

Arranca a campaña para potenciar a marca Galicia Destino Sostible no mercado norteamericano

  • O Clúster de Turismo, coa colaboración de Turespaña e do grupo Expedia, achegará as experiencias sostibles galegas aos Estados Unidos.

 

O Clúster Turismo de Galicia continúa promovendo a marca Galicia Destino Sostible no mercado internacional. Esta vez faino grazas ás campañas cooperativas postas en marcha por Turespaña, que teñen por obxectivo realizar acción de márketing internacional de forma máis eficiente e efectiva.

 

Co grupo Expedia como partner, e co foco posto no mercado americano, esta nova campaña busca incentivar a comercialización das experiencias publicadas no marco do club de produto Galicia Destino Sostible, promovendo deste xeito a adquisición de experiencias sostibles en Galicia. Grazas a esta campaña de colaboración, o Clúster potenciará a marca no mercado norteamericano aumentando os ingresos turísticos e atraendo a un turista máis rendible e sostible. En total estímase que se destinen 150.000 euros a esta actuación.

 

A iniciativa Galicia Destino Sostible naceu no 2022 co financiamento e o apoio da Xunta de Galicia a través dun convenio asinado entre a Axencia Turismo de Galicia e o Clúster. Esta marca articúlase coma un club de produto turístico que integra toda a oferta turística galega respectuosa co medio ambiente, a cultura e a sociedade. A través do portal web galiciadestinosostible.com pódese atopar toda a oferta, que integra desde aloxamentos ata restaurantes, axencias de viaxe ou diferentes actividades de turismo náutico ou activo, entre outras. A través desta plataforma conectamos a turistas e empresas, facilitando o acceso á extensa oferta turística sostible que existe en Galicia.

 

O club está aberto a recibir novos socios. As empresas interesadas poden solicitar a súa adhesión a través do formulario habilitado na web ou solicitar máis información a través do correo electrónico info@galiciadestinosostible.com ou no número de teléfono 881 505 102.