Aloxamentos e restaurantes xa poden optar ás novas axudas para a mellora das instalacións

A Xunta destina 2 millóns de euros a esta convocatoria para a modernización do sector turístico.

 

Aloxamentos turísticos de distinta natureza (hoteis, cámpings, casas de turismo rural, apartamentos e albergues turísticos) e restaurantes son os establecementos aos que está dirixida a nova convocatoria de axudas para a modernización lanzada pola Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia e feita pública esta semana no Diario Oficial de Galicia.

 

A convocatoria do 2022 está dotada cun orzamento total de 2 millóns de euros e cada solicitante poñerá recibir un máximo de 50.000 euros para actuacións como melloras na accesibilidade, supresión de barreiras arquitectónicas, obras para recibir certificacións como a Q de Calidade Turística ou subir de categoría, renovación das instalacións, aforro enerxético, embelecemento da contorna, dixitalización dos servizos e adaptación da seguridade.

 

As solicitudes deben presentarse no prazo dun mes desde a súa publicación no DOG na sede electrónica da Xunta. O obxectivo destas axudas é consolidar unha oferta turística de calidade e competitiva. Así o destacou o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, durante a visita que realizou o pasado luns, día 7, ao hotel La Noyesa, do Grove, un dos 168 establecementos que se beneficiaron da convocatoria do ano 2021. O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, presente tamén na visita coincidiu con Rueda na importancia da modernización do sector.