Aloxamentos e restaurantes poden optar xa ao novo Bono Enerxía Peme do Inega

A convocatoria para melloras enerxéticas está dirixida a autónomos e pemes e dotada cun orzamento de 2 millóns de euros.

 

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) acaba de lanzar unha nova convocatoria do Bono Enerxía Peme, unha liña de axudas para acometer proxectos de mellora enerxética por parte de autónomos e pemes que está dotada cun orzamento total de 2 millóns de euros, tal como se pode ver nas bases feita públicas a través do Diario Oficial de Galicia.

 

A convocatoria está destinada a diversos sectores, entre os que se inclúen o comercio, as actividades artístico-recreativas e, por suposto, os aloxamentos e a hostalería. Así, as bases remítense á Clasificación Nacional de Actividades Económicas 2009 para incluír entre os beneficiarios aos hoteis, cámpings, aloxamentos turísticos e outros establecementos turísticos, ademais dos negocios dedicados aos servizos de comida e bebida.

 

Están previstos seis ámbitos diferentes de accións a subvencionar a través doutros tantos bonos. O bono envolvente está centrado en elementos de control solar como toldos. O bono iluminación prevé a renovación de luces, rótulos e escaparates. O bono instalacións eléctricas céntrase na mellora da eficiencia. O bono equipamento permitirá a renovación de aparellos como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, ferros, frigoríficos e similares. O bono climatización está dirixido á mellora das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria, E o bono inmótica permitirá actuar sobre os sistemas de domótica ou inmótica que permiten lograr unha maior eficiencia no gasto enerxético.

 

O investimento mínimo subvencionable é de 1.000 euros e a axuda máxima por solicitude é de 6.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 14 de xullo deste ano e o prazo para acometer os proxectos aprobados finalizará o 30 de setembro.