A Asociación de Axencias de Viaxe de Galicia (AGAVI) e a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) asinaron senllos convenios de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo por valor de 500.000 euros para combater os efectos económicos da covid-19 no sector turístico incentivando o consumo con novas iniciativas que faciliten as viaxes na Comunidade.
O obxectivo deste convenio é reactivar este subsector da turoperación e evitar a anulación de paquetes turísticos por parte dos usuarios, ofrecendo descontos de até o 10% a aqueles particulares que contratasen un paquete para viaxar fóra de Galicia nunha data posterior á declaración do estado de alarma e decidan agora cambialo por unha experiencia no interior de Galicia. Primaranse produtos consolidados como o Outono Gastronómico, experiencias en balnearios, rutas enoturísticas ou a participación en Elixe Galicia, a iniciativa posta en marcha pola Xunta para promover o turismo interno fóra de tempada.
Como explicou o titular de Cultura e Turismo da Xunta, Román Rodríguez, a colaboración con AGAVI que ascende a 300.000 euros permitirá, ademais, facilitar que as familias percorran Galicia e coñezan os seus recursos. Deste xeito, crearanse novos produtos e experiencias pensados para este mercado dándolles facilidades para o seu financiamento, pois poderán pagar de maneira fraccionado nun prazo de entre seis e 12 meses sen custe adicional.
Experiencias vinculadas ao Xacobeo 2021
No que se refire á colaboración cos turoperadores, materializada a través de ATREGA, a contía ascende a 200.000 euros e o convenio inclúe a posta en marcha de novos produtos turísticos vinculados ao Xacobeo 2021. Priorizaranse áreas estratéxicas que permitan diversificar a actividade turística polo territorio galego, como a Ribeira Sacra, a Mariña Lucense, a Costa da Morte ou os diferentes itinerarios dos Camiños de Santiago. Neste sentido, crearanse experiencias para grupos, programas de escapadas e iniciativas que unan a enogastronomía, o termalismo e actividades na contorna rural e o patrimonio cultural.