‘Activa o modo off. Activa o modo GDF’, a nova campaña do Clúster para promocionar a marca turística ‘Galicia Destino Familiar’

‘Activa o modo off. Activa o modo GDF’, a nova campaña do Clúster para promocionar a marca turística ‘Galicia Destino Familiar’

  • A campaña estenderase ao longo do mes de novembro.
  • Unha lading web, unha campaña de Social e Google Ads, unha peza audiovisual e un sorteo, son algunhas das accións que forman parte da campaña.

O Clúster Turismo de Galicia vén de lanzar unha nova campaña de promoción para promover a marca turística ‘Galicia Destino Familiar’ (GDF), unha iniciativa que ten como principal obxectivo a visibilización dos establecementos galegos especializados no segmento familiar: aloxamentos, restaurantes, etc., que dispoñen de instalacións, actividades ou outros servizos adaptados e pensados para familias.

 

Baixo o claim ‘Activa o modo off. Activa o modo GDF’, esta acción de promoción fai un chamamento á desconexión da rutina, de darlle ao ‘pause’ para parar e desconectar. Para recargar a batería e entrar en modo familia. Activar o modo off é un convite a desconectar da tensión diaria, a reconectar cun destino único, a elixir tempo de calidade en familia.

 

Como parte desta campaña realizouse unha peza audiovisual que remarca a mensaxe principal desta acción de promoción, e que amosa todas as posibilidades que ofrece a marca turística. Ademais, tamén se creou unha páxina landing que acompaña a todas as accións da campaña, e iniciouse unha estratexia de paid media, tanto en Google Ads como en Social Ads. Tamén se prevé a realización dun sorteo a través das redes sociais oficiais de GDF. Estas accións, que se enfocan no público galego e nacional, englóbanse dentro do mes de novembro.

 

 

Adhesión a Galicia Destino Familiar

 

Se tes un establecemento ou desenvolves unha actividade de calidade apta para familias, contacta a través da páxina oficial da marca para coñecer os requisitos específicos para formar parte desta rede. Deste xeito, gañarás visibilidade e contarás cun selo e marca de garantía de calidade como establecemento enfocado ás familias.