OPC Galicia estivo presente na celebración do Congreso Nacional de OPC España, que se celebrou en Burgos entre o 18 e o 20 de febreiro. A participación de OPC Galicia no congreso comezou coa participación da súa vicepresidenta, Ana García, na mesa redonda “Oficinas de congresos: socios ou competencia?”, e na que estivo acompada de Xema Igual, concelleira de Turismo de Santander; Sylvia Andrés, xerente do Palacio de Congresos de Valencia; e Rafel Peris, presidente de OPC Cataluña.
A presidenta de OPC Galicia, Yolanda Barbeito, tamén estivo presente no congreso nacional, no que tomou parte na mesa sobre “Provedores, un problema preposicional… con ou contra?”. Barbeito defendeu unha posición “de colaboración entre OPCs e provedores, xa que é o único que pode garantir o éxito dos eventos”.
Desde a súa experiencia na organización de congresos, expuxo que “o obxectivo de ambos debe ser o de establecer unha relación mercantil baseada no beneficio mutuo, o win to win (gañar-gañar), na que ambas as partes obteñan beneficios dun modo equilibrado”. A presidenta das OPCs galegas afirmou que, para lograr o éxito, débense “establecer fórmulas de comunicación claras, abertas e transparentes; compartir información, plans e recursos de ambas as partes; e compartir a presión, sen descargar no provedor as complicacións”. Tamén avogou por “establecer acordos claros de pago e cumprilos”.
Na mesa redonda intercambiaron opinións Estefanía Montes, xerente de Fórum Evolución burgalés; Manuel Cobos, de Catering Cobos; Manuel Anxo Berjón, de Audiovisuais AV e Isabel Rodríguez, de Meridiana Azafatas.