Continúa aberta a convocatoria de axudas á mobilidade sostible nas Rutas do Viño de Galicia

Continúa aberta a convocatoria de axudas á mobilidade sostible nas Rutas do Viño de Galicia

  • Apoio á implantación de bicicletas e patinetes eléctricos en establecementos turísticos e adegas

 

A Axencia de Turismo de Galicia mantén aberta a convocatoria de axudas dirixidas a impulsar a mobilidade sostible nas Rutas do Viño de Galicia, unha oportunidade para que establecementos turísticos e adegas melloren a experiencia enogastronómica incorporando solucións de transporte respectuosas co medio ambiente.

 

Estas axudas están destinadas á adquisición e posta en funcionamento de bicicletas e patinetes eléctricos, á instalación de puntos de recarga e estacións de reparación, así como á creación de sistemas de xestión dos vehículos eléctricos e á comunicación das experiencias asociadas. O obxectivo é reforzar as sinerxías entre os distintos axentes das rutas do viño e avanzar cara a un modelo turístico máis sostible, innovador e conectado co territorio.

 

  • Quen pode solicitalas e en que territorios se aplican

 

Poden beneficiarse destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas titulares de establecementos turísticos de aloxamento (hoteis, campamentos de turismo, turismo rural, apartamentos e vivendas turísticas ou albergues) sempre que estean inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT). Tamén poden optar ás subvencións as adegas con actividade turística, que deberán acreditar a súa condición de recurso visitable e a súa adhesión a unha das Rutas do Viño de Galicia.

 

A convocatoria abrangue os territorios das cinco denominacións de orixe galegas: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, polo que tanto os establecementos como as adegas solicitantes deberán estar localizados nestas áreas.

 

As actuacións subvencionables estrutúranse en catro liñas: instalación de puntos de carga e estacións de reparación; adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos; desenvolvemento de sistemas de xestión dos vehículos; e sinalización e información das experiencias creadas.

 

O prazo de solicitude permanece aberto ata o 16 de febreiro de 2026 e o procedemento debe realizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, empregando o código TU503K.