Volven os sorteos de experiencias sostibles coa campaña “+ Galicia, + Sostible”

Volven os sorteos de experiencias sostibles coa campaña “+ Galicia, + Sostible”

  • A segunda onda reforza a promoción do turismo responsable con novos sorteos, influencers e accións dixitais

 

A campaña “+ Galicia, + Sostible”, impulsada polo Clúster Turismo de Galicia co apoio da Xunta de Galicia – Axencia Turismo de Galicia, inicia a súa segunda onda de promoción este mes de outubro, reafirmando o seu compromiso cun turismo máis consciente, responsable e transformador baixo a marca “Galicia Destino Sostible”.

 

Durante esta nova fase, que se desenvolverá entre outubro e novembro de 2025, activaranse novos sorteos de experiencias sostibles nas redes sociais de Galicia Destino Sostible. Ademais, exponse unha campaña de paid media en Social Ads e Google Ads, orientada a seguir a posicionar Galicia coma un destino que se vive desde o respecto e a autenticidade para o público local e peninsular.

 

Así mesmo, levaranse a cabo dúas accións con influencers que amosarán, a través da súa mirada persoal, como gozar de Galicia de forma sostible e con impacto positivo na contorna.

 

Co lema “+ Galicia, + Sostible”, a campaña mantén o seu propósito de inspirar un turismo que deixe pegada emocional, non ecolóxica, convidando os visitantes a redescubrir Galicia desde a calma, a proximidade e o respecto polo seu patrimonio natural, cultural e social.

 

As persoas interesadas poden coñecer todas as experiencias e sumarse aos sorteos no perfil de Instagram de “Galicia Destino Sostible”, así como na páxina web da campaña.

 

  • Más promoción da marca “Galicia Destino Sostible”

 

Ao mesmo tempo que se desenvolve esta acción, o Clúster Turismo de Galicia tamén puxo en marcha unha campaña para difundir a iniciativa “Galicia Destino Sostible”, neste caso, entre a poboación galega. Esta desenvolverase en Televisión de Galicia e en diferentes emisoras de radio da nosa Comunidade e de Asturias, buscando aumentar o coñecemento do Club de Produto.