A partir do 18 de xullo, estará dispoñible unha nova edición do bono turístico #DescubreGaliciaenOutono, unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca consolidar o turismo fóra da tempada estival e apoiar ao sector nos meses con menor afluencia. A medida, que se activou coa publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia o luns 14, permitirá gozar de estancias e experiencias turísticas entre o 15 de setembro e o 25 de decembro de 2025.
Con máis de 16.000 bonos dispoñibles, o programa pretende fomentar as escapadas de proximidade no outono e poñer en valor os recursos turísticos da comunidade máis alá do verán. Cada persoa poderá adquirir ata dous bonos por un custo de 90€ cada un, que lles permitirá desfrutar de servizos turísticos por valor de 150€, grazas á cofinanciación do 40% por parte da administración autonómica.
A medida busca reforzar a desestacionalización do turismo, unha das prioridades actuais da política turística galega, para distribuír de forma máis equilibrada o impacto económico do sector ao longo do ano. O obxectivo é impulsar o consumo en establecementos locais, coma aloxamentos ou axencias de viaxe, nos meses onde tradicionalmente se rexistra menor demanda.
Ademais, os establecementos turísticos e axencias interesadas poderán adherirse ao programa dende o 15 de xullo ata o 1 de decembro a través da web oficial bonoturismo.gal. A iniciativa prevé mobilizar ata 2,5 millóns de euros nesta edición, sumándose aos 16,5 millóns que se activaron desde a súa posta en marcha no 2020.
As persoas usuarias poderán descargar os bonos dende as 9:00h do 18 de xullo ata o 19 de decembro de 2025, e a súa validez estenderase dende o día 15 de setembro ata o 25 de decembro (ambos incluídos).