Co obxectivo de seguir reforzando o posicionamento de Galicia como un destino turístico de calidade, diverso e comprometido coa sustentabilidade, o Clúster Turismo de Galicia organiza esta semana dous workshops profesionais en Valencia e Oporto, dous mercados con alto potencial de emisión turística cara á comunidade galega.
As citas terán lugar o martes 20 de maio en Valencia e o mércores 21 en Oporto, e contarán coa participación de 26 empresas. Adicionalmente, tamén estarán presentes cunha mesa Turismo de Galicia, Galicia Destino Sostible e Turismo de Sanxenxo. O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, participará nas presentacións institucionais das dúas citas.
Os encontros están concibidos como espazos de networking entre o sector turístico galego e operadores turísticos locais, e incluirán unha presentación promocional de Galicia como destino turístico sostible, ademais dun cóctel de peche. Así mesmo, celebrarase un sorteo entre as entidades participantes, co fin de fomentar o establecemento de contactos e novas oportunidades comerciais.
Nestes eventos tamén se poñerá en valor o enoturismo galego, grazas á colaboración das adegas galegas Mar de Frades, Paco & Lola, Martín Códax, Terras Gauda e Vionta, que ofrecerán os seus viños nas degustacións previstas.
As empresas participantes nesta edición son:
Alda Hotels, Bodega Mar de Frades, Bodega Paco&Lola, Bodegas Martín Códax, Bodegas Terras Gauda, Bodegas Vionta, Circuitos Galicia Viajes, CNTravel, Gran Hotel Los Abetos, Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Attica21 Vigo, Hotel Carlos I Silgar, Hotel Ciudad de Vigo, Hotel Axis Vigo, Hotel Rural Entre Os Ríos, Hotel San Luis, Hotel Villa Covelo, Minor Hotels, Oca Hotels, Pazo Los Escudos Hotel & Spa Resort, Piragüilla Ocio y Aventura, Rutas Meigas, Santiago Your Way, Torres de Moreda, Viajes Interrías, Viandotreks e Zenit Hoteles.