‘Galicia Destino Sostible’ suma oito novas empresas

‘Galicia Destino Sostible’ suma oito novas empresas

  • Espazo Nature, Finca O Bizarro, Cabanas da Barcela, Hotel Casa Franco, Hotel Herbeira, Os tres Teixos, Finca Galea e Casal de Pelaio son as novas empresas que xa forman parte desta marca turística.
  • Club de Produto suma xa máis de 115 empresas adheridas e 154 experiencias de turismo sostible.

O club de produto ‘Galicia Destino Sostible’ segue a medrar, sumando oito novas incorporacións. Durante a reunión do comité de avaliación do pasado venres, 25 de outubro, aprobáronse as solicitudes realizadas polos representantes responsables das empresas Espazo Nature, Finca O Bizarro, Cabanas da Barcela, Hotel Casa Franco, Hotel Herbeira, Os tres Teixos, Finca Galea e Casal de Pelaio.

 

Estas entidades súmanse a un grupo do que forman parte os sectores das axencias de viaxe, restauración, aloxamento e a oferta turística complementaria. Agora, o club ofrece máis de 154 experiencias sostibles que proveñen de máis de 115 empresas diferentes.

 

A iniciativa ‘Galicia Destino Sostible’ naceu en 2022 impulsada polo Clúster Turismo de Galicia co apoio da Xunta de Galicia. O seu principal obxectivo é resaltar e integrar a oferta turística galega que promove o desenvolvemento sostible do destino, buscando situarse como referente tanto a nivel nacional como internacional. Trátase dun club de produto turístico que abarca diversas facetas da oferta galega, promovendo o respecto ao medio ambiente, á cultura e á sociedade.

 

Únete a GDS

 

Para adherirse a ‘Galicia Destino Sostible’ as empresas teñen que cumprir, polo menos, un requisito habilitante (certificación de sostibilidade; Fair´n Green; Estrela Verde da Guía MICHELIN; pertenza ao proxecto Turismo Slow Norte de Galicia, ou ao Club de produto Ecoturismo de España ou una certificación ambiental: ISO 14000, EMAS, etc.) ou ben o 100% dos obrigatorios e un 33% dos valorables.

 

A adhesión pode solicitarse a través da web galiciadestinosostible.com. Unha vez que o comité asesor acepte a adhesión, a empresa xestionará as súas ofertas desde o portal e gozará das vantaxes de pertencer ao club de produto de xeito gratuíto.