Valladolid acollerá do 14 ao 17 de novembro a Feira Internacional de Turismo de Interior, INTUR, na que Turismo de Galicia estará presente a través dun ‘stand’. No marco da mesma, o xoves, 14 de novembro, celebrarase unha xornada exclusivamente para profesionais. Máis concretamente, de 9:30 a 18:30 horas, terá lugar a bolsa de contratación INTUR Negocios.
O Clúster Turismo de Galicia cubrirá os gastos de 10 inscricións para favorecer a participación das empresas turísticas galegas como vendedor no workshop. Para formular a inscrición é necesario enviar un correo electrónico a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com manifestando o interese en participar e incluíndo datos de contacto (nome, cargo, empresa, teléfono e correo electrónico).
O workshop inclúe un programa exclusivo de compradores, ao que asisten anualmente preto dun centenar de operadores de turismo. INTUR B2B reunirá a axencias e TTOO, especializadas en turismo cultural e urbano, de aventura, gastronómico, relixioso, rural, de saúde, deportivo e MICE.
O prazo límite para realizar a inscrición é o mércores, 30 de outubro, ás 14:00 horas. Con todo, no caso de estar interesado en contar cun servizo de axenda, deberá confirmarse o interese en participar antes do mércores, 23 de outubro, ás 10:00 horas. Lembramos que esta inscrición non garante contar cunha axenda, pois son os compradores os que seleccionan aos vendedores cos que queren manter reunións. Igualmente, as empresas que realicen a súa inscrición poderán participar na bolsa de contratación a partir das 11:30 horas, con citas one-to-one en formato speed dating (10 minutos).
No caso de que algún responsable formalice a súa inscrición na bolsa de contratación e finalmente non asista por causas non xustificadas, deberá cubrir os custos da mesma, que ascenden a 125 euros.