Turismo de Galicia organiza unha formación para profesionais do sector que buscan potenciar o seu negocio con IA

Turismo de Galicia organiza unha formación para profesionais do sector que buscan potenciar o seu negocio con IA

  • IA Talks: Conversas sobre Intelixencia Artificial para o sector turístico en Galicia’ é a formación especializada para potenciar a transformación dixital das PEMES turísticas galegas.
  • Desenvolverase do 24 ao 25 de setembro no Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

O vindeiro 24 e 25 de setembro terá lugar unha nova edición de ‘IA Talks: Conversas sobre IA para Profesionais do Sector Turístico’, un evento formativo enfocado na adopción e uso práctico da Intelixencia Artificial (IA) no ámbito turístico. Organizado no marco do Plan de Formación de Turismo de Galicia 2024, este curso presencial busca proporcionar ás empresas ferramentas innovadoras para mellorar a xestión dos seus produtos e servizos nun mercado cada vez máis dixitalizado e competitivo.

 

A IA como motor de innovación para as PEMES turísticas

 

Dirixida a emprendedores, directivos e xefes de departamento do sector turístico galego, esta actividade formativa ten como obxectivo capacitar aos participantes no uso de tecnoloxías emerxentes relacionadas coa IA. A través de dúas xornadas intensivas, os asistentes poderán coñecer as últimas tendencias no uso da intelixencia artificial, desenvolver as súas propias solucións tecnolóxicas e participar en workshops prácticos. Con esta formación, Galicia busca situar ás súas empresas á vangarda da transformación dixital no sector turístico.

 

O primeiro día, titulado “O poder da IA”, centrarase nas tendencias actuais da IA no turismo e ofrecerá un taller práctico sobre a enxeñería de prompts en IA, utilizando ferramentas como OpenAI e Google. Na segunda xornada, “Laboratorio IA”, explorarase a creación de chatbots e programación de sistemas GPT.

 

O evento contará coa presenza de Tirso Maldonado, experto en tecnoloxías da información e socio director de Socialtec, quen guiará aos asistentes a través das diferentes sesións. Con máis de 25 anos de experiencia en negocio dixital, Maldonado achegará a súa visión estratéxica para que as empresas turísticas poidan adaptarse ao novo paradigma tecnolóxico.

 

As xornadas serán o 24 e 25 de setembro, de 10:00 a 14:00 horas. O número de prazas está limitado a 75. Podes tramitar as inscricións e consultar a programación completa nesta ligazón.

 

Outras oportunidades de formación en Turismo de Galicia para este outono

 

A Dirección de Profesionalización de Turismo de Galicia tamén anuncia novas convocatorias formativas para o outono, co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas dos profesionais do sector. Para máis información e inscricións, os interesados poden contactar a través do correo: formacion.turismo@xunta.gal.

 

  • Cursos en liña de Inglés (12 niveis): Modalidade teleformación, 50 horas. Inscricións abertas ata o 23 de setembro.
  • Curso de achegamento á lingua de signos. Niveis 1 e 2: Modalidade telepresencial, 20 horas. Inscricións abertas ata o 25 de setembro.

 

Estas iniciativas buscan fortalecer o sector turístico galego, dotando aos profesionais de ferramentas para mellorar a súa capacidade de competir no mercado global.