O sector turístico galego pecha a Semana Santa cunha ocupación de entre o 60% e o 85%

O sector turístico galego pecha a Semana Santa cunha ocupación de entre o 60% e o 85%

  • As malas condicións meteorolóxicas reduciron o número de reservas de última hora.
  • O perfil maioritario do turista que se achegou a Galicia foi de orixe nacional e de proximidade.

 Galicia pecha a Semana Santa cunhas porcentaxes de ocupación no sector turístico de entre o 60% e o 85%, unhas cifras inferiores ás agardadas e nas que pesaron, en boa medida, as malas condicións meteorolóxicas que reduciron as reservas de última hora, moi habituais neste período vacacional.

 

O perfil maioritario do turista que se achegou a Galicia foi de orixe nacional e de proximidade e a afluencia de visitantes internacionais estivo vencellada aos diferentes tramos do Camiño de Santiago. As zonas polas que transcorre o Camiño e o turismo rural, especialmente en zonas como a Ribeira Sacra ou a Costa da Morte, rexistraron as cifras de ocupación máis elevadas.

 

Son datos da sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia, que incorpora tamén información de prezos en canles dixitais. Segundo a ferramenta de webscraping empregada e que calcula o prezo medio por noite da oferta máis económica dos hoteis galegos, o venres acadáronse as cifras máis elevadas, cun 215 euros para hoteis de 5 estrelas e os 65 euros para establecementos de 1 estrela.

 

Análise por territorios

 

En canto á análise por zonas, en Pontevedra a ocupación situouse en torno ao 70%, mentres que en Vigo foi do 60%.

 

En Sanxenxo a ocupación situouse en torno ao 60% e o viaxeiro maioritario foi o nacional, que representou o 90% dos turistas recibidos na localidade. En canto aos prezos, as fontes consultadas, sinalan que se mantiveron aínda que as materias primas se incrementaron nun 10%.

 

Na cidade da Coruña os hoteis rexistraron unha porcentaxe de ocupación do 75% e a maior parte dos visitantes, en torno a un 90%, foron de orixe nacional.

 

En Santiago de Compostela cumpríronse as previsións sen cancelacións destacables. A ocupación entre o venres e o sábado acadou o 80% nos hoteis situados fóra do casco histórico mentres que nos establecementos situados na contorna da catedral rexistráronse cifras superiores ao 90%. Estas porcentaxes baixan notablemente no cómputo total da semana cun resultado do 60%.

 

En Ferrol, onde a Semana Santa está declarada de Interese Turístico Internacional, as cifras de ocupación roldaron o 80%.

 

Na Costa da Morte a celebración da Semana Santa de Fisterra, declarada de Interese Turístico Nacional, ou a recoñecida Mostra do Encaixe de Camariñas contribuíron a que a ocupación acadase o 70%. Nesta zona apúntase un incremento do turista internacional, vencellado ao Camiño de Santiago.

 

En Ourense a ocupación situouse en torno ao 83% e na provincia de Lugo a ocupación media foi do 80%, destacando zonas como a Terra Cha ou a Mariña.