A BTL Lisboa é un sinónimo de innovación e creación de oportunidades para os seus participantes. E, un ano máis, o Clúster Turismo de Galicia asistiu ao gran evento turístico da capital lusa.
A través das 50 invitacións cedidas pola Axencia Turismo de Galicia, o CTG facilitou a participación do sector turístico galego nesta feira de renome internacional. Foron varias as empresas galegas que estiveron presentes, e empregaron as mesas de traballo do stand de Turismo de Galicia para manter reunións con profesionais do sector do mercado portugués, así como doutros mercados internacionais.
Así mesmo, o CTG participou no programa Hosted Buyer, organizado pola BTL, cos catálogos de axencias de viaxe maioristas de receptivo de Galicia e co catálogo de turismo de luxo. No marco do mesmo programa, mantivéronse reunións con diferentes operadores turísticos procedentes de Reino Unido, Brasil, Filipinas, Estados Unidos, Australia e España. Algúns deles estaban interesados en incorporar á súa oferta o destino Galicia; e outros, que xa o incluían nos seus programas, querían ampliar a súa oferta con novos destinos galegos e experiencias diferentes. Destacou o seu interese polo turismo cultural e a enogastronomía, dous piares do destino Galicia.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, tamén asistiu ao evento, recibindo no stand de Galicia a visita do embaixador de España en Portugal, Juan Fernández Trigo, e da conselleira da oficina técnica de turismo en Lisboa, Yolanda Martínez Cano-Cortés.
Esta edición contou cunha maior afluencia de profesionais e de público final que edicións anteriores. Máis de 1.500 expositores de tódalas rexións portuguesas e de países como España, Brasil, Venezuela, Cuba, Túnez e Cabo Verde formaron parte desta BTL 2024, sumando máis de 85 destinos internacionais.