O Clúster organiza unha nova misión comercial á WTM de Londres

ACTIVIDADES

O Clúster organiza unha nova misión comercial á WTM de Londres

  • Unha vintena de empresas galegas poderán participar na viaxe á feira internacional de turismo, que terá lugar na capital británica do 6 ao 8 de novembro.
  • O 22 de setembro é a data límite para inscribirse e optar a algunha das prazas que serán postas ao dispor de axencias de viaxes, aloxamentos e oferta complementaria.

 

A capital británica prepárase para unha nova edición da feira internacional de turismo World Travel Market London, un dos principais puntos de encontro do sector turístico no ámbito internacional. O evento desenvolverase do 6 ao 8 de novembro no centro de exposicións ExCeL.

 

O turismo galego estará presente neste evento, un ano máis, a través dunha misión comercial promovida polo Clúster Turismo de Galicia, que permitirá viaxar a Londres a representantes dunha vintena de empresas da Comunidade e tomar contacto con outros membros do sector.

 

Os responsables da WTM London destacan esta feira internacional como “o evento de viaxes e turismo máis influente a nivel mundial”. Na pasada edición, a WTM recibiu a máis de 35.000 profesionais de ata 184 países diferentes, proporcionando un espazo de networking para xerar novos contactos e oportunidades de negocio.

 

A data límite para inscribirse e participar nesta misión comercial é o venres, 22 de setembro, e o número máximo de participantes será de 22 persoas. A convocatoria está dirixida tanto a maioristas, axencias de viaxe (en especial, receptivos) como a representantes do sector dos aloxamentos (hoteis, cámpings, turismo rural…) e da oferta turística complementaria (turismo activo, novas experiencias, turismo náutico, MICE…).

 

Aquelas persoas interesadas en participar deberán poñerse en contacto co CTG enviando un correo electrónico a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com cos seus datos persoais (nome, apelidos e DNI) e os datos de facturación da entidade asociada ao Clúster (razón social, dominio social e NIF) para efectuar a pre-reserva.