Tres millóns de euros para impulsar Ourense como destino termal

O convenio asinado entre o Goberno central, a Xunta e a Deputación permitirá desenvolver o plan de sustentabilidade turística.

 

O proxecto para promocionar Ourense como un destino turístico sostible aproveitando o seu patrimonio e potencial termal e, ao mesmo tempo, levar a cabo unha experiencia piloto que sirva para impulsar outras estratexias innovadoras de desenvolvemento local e rural baseadas tamén no termalismo acaba de recibir un importante pulo. O Goberno central, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense asinaron xa o convenio para executar o Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal dotándoo cunha achega económica de algo máis de 3 millóns de euros, tal como aw recolle no Boletín Oficial do Estado do 28 de decembro.

 

Entre as actuacións previstas neste convenio figuran a construción en Ourense da sede do Observatorio Mundial de Termalismo, a posta en funcionamento dun ecobarco termal, a creación dun miniparque termal lúdico-pedagóxico, a comercialización de produtos coa imaxe de Ourense Termal, o desenvolvemento de programas de mellora da competitividade e a formación no sector, a mellora de infraestruturas, e a elaboración dun plan de márketing turístico con accións como rutas de carreiros termais e viaxes de familiarización.

 

O acordo alcanzado entre as tres administracións detalla que o Goberno Central como a Xunta realizarán senllas achegas de 1.350.000 euros a través, respectivamente, da Secretaría de Estado de Turismo e da Axencia Turismo de Galicia, con cargo xa ao exercicio 2021, mentres que a Deputación completará o investimento previsto con dúas achegas para os anos 2022 (por importe de 133.000 euros) e 2023 (os 266.000 euros restantes).