Hostaleiros de Lugo danse cita en Sarria para celebrar a gala anual da APEHL

Hostaleiros de Lugo danse cita en Sarria para celebrar a gala anual da APEHL

O hotel Alfonso IX de Sarria acolleu este ano a festa anual da hostalaría da provincia de Lugo na que se deron cita máis de 150 profesionais do sector e na que tamén se fixo entrega dos galardóns que a Apehl outorga anualmente as persoas cunha longa traxectoria profesional no sector ou a organismos que apoian a difusión e promoción da gastronomía e turismo da provincia de Lugo.

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, foi o encargado de entregar a Medalla de Ouro da Asociación ao CD Lugo mentres que os dous premios de Embaixador Hostaleiro da Provincia 2019 foron para Quique Rodríguez, sous chef do Hotel Vila Magna de Madrid, editor de contidos para diferentes medios de comunicación especializados e director técnico dos xurados do Cume Tapas de Monforte e do Concurso de Tapas de Lugo, e para os fundadores da Festa do Cocido do Porco Celta da Comarca de Sarria.

Así mesmo, a asociación de hostaleiros lucenses tamén homenaxeou a traxectoria de cinco establecementos asociados: Toda unha vida nos fogóns a Pulpería Breogán, de Lugo; o Restaurante Verruga, de Lugo; o Bar Anda, de Lugo; a Cafetaría Santiago, de Sarria, e o Asador Caracacho, de Monterroso.
Cheché Real agradeceu a confianza dos socios no labor da Asociación, lembrou que levan traballando 42 anos e enumerou que “seguir mellorando a nosa realidade social e económica, garantir a viabilidade e o día a día dos nosos negocios, aprender uns dos outros compartindo as nosas experiencias e formarnos e estar ao día das últimas novidades do sector teñen que seguir sendo os nosos obxectivos”.

No encontro déronse cita un gran número de autoridades tanto da Xunta como da Deputación de Lugo e a alcaldesa de Sarria, Pilar López. Tamén estiveron presentes outros representantes da sociedade e da política lucense e galega, entre eles o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro; a secretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, Raquel Arias; a xefa da área Provincial de Turismo en Lugo, Pomba Vázquez; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o presidente da Federación Provincial Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela.