O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Poden obter este distintivo todos aqueles establecementos que se atopen no círculo de consumo do turista: transporte, aloxamentos, restauración, comercio, axencias de viaxe, etc.
Co obxectivo de implantalo na comarca, a Mancomunidade Barbanza-Arousa constituíu unha Mesa de Calidade formada polo persoal técnico, representantes da Xunta, da Deputación da Coruña, do Clúster de Turismo de Galicia, dos catros concellos da entidade (Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira) e de cinco asociacións empresariais.
O presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, participou na reunión desta Mesa de Calidade o pasado venres, 12 de maio, en Boiro. Nesta cita o órgano valorou as candidaturas, seleccionando finalmente un total de 36 empresas e servizos turísticos para obter o distintivo de calidade turística SICTED no destino.
Todas elas superaron as avaliacións e cumpriron cos requisitos relacionados coa óptima xestión empresarial e dos servizos, coa recepción de dúas asistencias técnicas individualizadas, a participación en sesións formativas e asistencias técnicas colectivas.
Ademais disto, a Mancomunidade tamén organizou un taller da man do responsable do Centro Arqueolóxico do Barbanza, Víctor Barbeito, para fomentar o coñecemento do destino Barbanza-Arousa e aumentar as sinerxías.