A semana pasada comezou en Pontevedra o programa formativo “Turismo Intelixente: ferramentas IA para a transformación do sector”, unha iniciativa do Clúster Turismo de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia–Axencia Turismo de Galicia, destinada a apoiar ao sector turístico na adopción de solucións de intelixencia artificial que melloren a eficiencia, a innovación e a competitividade. Enrique Lancis (HumanIA Labs) e Susana García son os encargados de ofrecer unha formación orientada a comprender as posibilidades reais da IA no ámbito turístico.
A primeira xornada, celebrada o pasado mércores, ofreceu unha visión clara dos fundamentos e tendencias da IA aplicada ao turismo. Durante a sesión abordáronse conceptos clave, casos de uso reais, automatización de procesos, novas competencias dixitais e os principais retos éticos asociados a estas tecnoloxías.
Á apertura asistiron o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, o tesoureiro, Alfonso Martínez, o expresidente e vogal Francisco González, e a directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, acompañando aos profesionais rexistrados na formación.
A segunda sesión, celebrada ao día seguinte, profundou no uso profesional de ChatGPT, as diferenzas entre modelos, técnicas de prompting para obter resultados máis fiables e útiles, e a creación de GPTs personalizados aplicables a distintos departamentos do sector turístico. A xornada incluíu exercicios prácticos orientados á atención ao cliente, a redacción de contidos, a planificación e a automatización de tarefas.
O programa continuará en decembro con dúas sesións adicionais centradas en:
Con este ciclo formativo, o Clúster e a Deputación de Pontevedra reforzan o seu compromiso cun turismo galego máis innovador, preparado e competitivo, acompañando ás empresas nun proceso de transformación que xa é clave para o futuro do sector.