O turismo de bateas, unha actividade sostible en auxe

O turismo de bateas, unha actividade sostible en auxe

  • Centos de persoas achéganse ás rías galegas para coñecer de primeira man o proceso produtivo dos mexillóns.

 

As rías galegas son recoñecidas en gran parte polas súas bateas, unas estruturas que destacan no medio da auga e que xeran emprego e alimento ano tras ano. Mais non todo o mundo coñece a súa existencia ou como funcionan, aínda que parece que isto está comezando a cambiar.

 

Nos últimos anos o turismo de bateas comezou a coller impulso, e cada vez son máis as persoas que se animan a subir a un barco para coñecer de primeira man esta infraestrutura mariña. Centos de persoas visitan as augas galegas para coñecer o proceso da cría dos mexillóns. Así o sinalou o secretario do Consello Regulador de Orixe Protexida do Mexillón de Galicia, Joaquín Garrido, quen indica que, especialmente no verán, cada vez é máis frecuente ver embarcacións con turistas que se achegan ás bateas para coñecelas.

 

Na actualidade existen diferentes empresas que ofertan este tipo de cruceiros polas rías galegas, un turismo sostible e cultural que se atopa en auxe. Trátase dunha maneira de aproveitar os encantos das rías e axudar a difundir e dar a coñecer a cultura mariñeira galega.

 

A través da páxina de Galicia Destino Sostible pódense atopar algunhas destas experiencias, como a Ruta do Mexillón que ofrecen Piratas de Nabia ou a Ruta Artes de Pesca da Ría de Arousa de Amare Turismo Náutico. A través destas actividades pódese percorrer a ría cun guía que explica como se realiza a extracción do mexillón e o seu cultivo, ou mesmo observar o labor dos mariñeiros cando traballan.