O “ slow travel” ou turismo consciente, cada vez máis en alza en Galicia

“O atractivo noso é a paisaxe, a gastronomía, a tranquilidade, as actividades en deportes de auga. O tempo é o noso potencial! Vén xente de toda España. Queren estar ‘ao fresco’.” sostén José Picallo, propietario de Casa do Morcego, en Vilarrube (Valdoviño), e membro de Turismo Slow , unha iniciativa na que colaboran institucións públicas e establecementos privados e que abarca un territorio desde Ribadeo ata a Costa Ártabra. Nela reúnense un total de 45 aloxamentos (22 están no Xeodestino Rías Altas e 23 no da Mariña Lucense) e hai máis peticións de adhesión. Eles priman a calidade á cantidade e supervisan con auditorías que se cumpran os requisitos “A rendibilidade económica a curto prazo non sería compatible coa rendibilidade ambiental. Buscamos un turista interesado en coñecer e interactuar coa cultura local, a conservación do medio e o produto local de calidade, de aí a necesaria coherencia estratéxica no noso posicionamento”, lembra Verónica Rodríguez, unha das coordinadoras de Turismo Slow Norte de Galicia.

 

Aposta pola diversificación e o turismo non invasivo

 

Na mesma liña, a axencia Tee Travel, especializada no Camiño, promove a iniciativa “Camiño Clean” con propostas diversas como sendeirismo, ecoturismo, enogastronomía, etc. Apostan por que o percorrido se faga con calma e diversificando tanto os aloxamentos como os lugares. “Localidades como Melide ou Arzúa xa son emblemáticas polo seu polbo. E non existe só o Camiño Francés. Hai alternativas como o Inglés, ou o roteiro dos faros pola Costa da Morte. Recomendamos, por exemplo, o tramo que separa a praia do Rostro de Lires.” apuntan desde a promotora.

Desde 2001 xa apostaron por eles 13.000 viaxeiros aos que transmiten a súa filosofía de turismo: “Hai que viaxar dunha forma non invasiva. Visitar implica ter en consideración á xente que vive alí. O enriquecedor é iso. Xa non é só manter o Camiño limpo.”